A Xunta fixa o 23 de xaneiro de 2027 como data das eleccións nas confrarías de pescadores galegas

O proceso electoral permitirá renovar os órganos reitores das 63 confrarías de Galicia e das súas federacións, que representan máis de 13.000 profesionais do mar.

Ames, 21 de outubro de 2026. A Consellería do Mar presentou este mércores o calendario para a renovación dos órganos reitores das confrarías de pescadores galegas e das súas federacións. A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou a xornada informativa celebrada na sede da Federación Galega de Confrarías de Pescadores, en Ames, na que se abordaron as distintas fases do proceso electoral, os requisitos legais e os procedementos administrativos.

O calendario establece o sábado 23 de xaneiro de 2027 como data para a celebración das votacións nas confrarías. Previamente, a finais de novembro deste ano, constituiranse as comisións electorais locais, encargadas de participar no desenvolvemento do proceso.

A convocatoria permitirá actualizar a representación democrática das 63 confrarías de pescadores de Galicia e das súas federacións provinciais e autonómica. Estas entidades desempeñan un papel fundamental na xestión da actividade pesqueira, na colaboración coa Administración autonómica e na defensa dos intereses do sector, integrado por máis de 13.000 persoas traballadoras do mar e armadores.

Un proceso electoral en varias fases

Durante a xornada informativa, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez Suárez, explicáronse os principais aspectos normativos da convocatoria, que se desenvolverá ao abeiro da Lei 9/1993 e do Decreto 8/2014.

Na xornada electoral de xaneiro elixiranse as persoas vogais das xuntas xerais e dos cabidos, así como os órganos directivos das agrupacións sectoriais. O procedemento deberá garantir a representación paritaria dos colectivos de traballadores e empresarios dos diferentes sectores de produción.

O calendario continuará en febreiro coa elección e toma de posesión dos patróns e vicepatróns maiores das confrarías. Posteriormente, a principios de marzo, renovarase a composición dos comités executivos e as presidencias das tres federacións provinciais.

A última fase terá lugar a comezos de abril de 2027, coa proclamación e toma de posesión dos órganos directivos da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

Reforzo da cogobernanza do sector

A renovación dos órganos reitores constitúe un paso relevante para reforzar a participación e a representación dos profesionais do mar na toma de decisións que afectan á actividade pesqueira galega.

O proceso busca garantir a actualización dos órganos de representación das confrarías e das súas federacións, entidades que forman parte do modelo galego de cogobernanza e xestión compartida dos recursos mariños entre o sector e a Administración autonómica.