Porto do Son recibe a sétima Bandeira Verde de Galicia consecutiva

Porto do Son consolídase como referente en sustentabilidade ambiental ao ser o único concello galego que mantén este distintivo desde a súa primeira edición.

O Concello de Porto do Son vén de recibir, por sétimo ano consecutivo, a Bandeira Verde de Galicia, un recoñecemento outorgado pola Xunta de Galicia ao compromiso das administracións locais coa protección da paisaxe, a conservación do patrimonio natural e o coidado do medio ambiente.

A tenente de alcalde, María Maroñas, acompañada polo concelleiro de Medio Ambiente e Medio Rural, Juan José Calo, foi a encargada de recoller o distintivo nun acto celebrado en Vedra, no que participou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez.

Porto do Son destaca por ser o único municipio de toda Galicia que mantén esta distinción de maneira ininterrompida desde a primeira edición, un fito que pon de manifesto a continuidade do traballo municipal en favor dun desenvolvemento máis sostible.

A Bandeira Verde de Galicia recoñece as boas prácticas das administracións locais en ámbitos como a ordenación do territorio, a protección ambiental e paisaxística, a loita contra o cambio climático, a eficiencia enerxética, a xestión responsable dos residuos e a sensibilización cidadá.

Nesta convocatoria, a Xunta de Galicia concedeu un total de 39 Bandeiras Verdes, seis máis que en 2025.

Desde o goberno municipal, encabezado polo alcalde, Luis Oujo, destácase o valor do traballo colectivo na protección do patrimonio natural e paisaxístico, así como na mellora da calidade de vida da veciñanza.

A tenente de alcalde, María Maroñas, puxo en valor os esforzos realizados para avanzar cara a un territorio máis respectuoso co medio ambiente e agradeceu a implicación da cidadanía.

A sétima Bandeira Verde é un logro compartido, froito do compromiso do Concello, da colaboración da veciñanza e das pequenas e grandes accións que contribúen cada día a construír un Porto do Son máis sostible, coidado e respectuoso coa súa contorna natural.