Alternativa dos Veciños reivindica a autoría do mercado mariñeiro de Fisterra e acusa o goberno local de vivir dos logros alleos

A formación lembra que o proxecto supuxo un investimento de máis de 200.000 euros, financiado a través do GALP Costa Sostible e dos fondos FEMP, durante a súa etapa no goberno municipal.

Alternativa dos Veciños de Fisterra reivindica a autoría do proxecto de renovación integral da planta baixa do mercado municipal, convertido agora en mercado mariñeiro, tras a visita da conselleira do Mar, Marta Villaverde, e a promoción da infraestrutura por parte do actual equipo de goberno.

A formación sinala que a actuación foi promovida, proxectada e executada durante a súa etapa á fronte do Concello e critica que o actual goberno municipal presente agora o proxecto sen recoñecer, ao seu xuízo, o traballo realizado polo anterior executivo.

Segundo explica Alternativa dos Veciños, a renovación afectou a unha superficie de 240 metros cadrados e supuxo un investimento superior aos 200.000 euros. A actuación foi posible, apunta a formación, grazas á xestión das axudas do GALP Costa Sostible e dos fondos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

Críticas á xestión do actual goberno

Catorce meses despois da moción de censura que apartou a Alternativa dos Veciños do goberno local, a formación considera que o actual executivo está a aproveitar os resultados de proxectos impulsados na anterior etapa municipal.

«Limítanse a ir ao compás do chacachá do tren: sen proxectos, sen ideas e sen a ambición que Fisterra necesita», afirma a organización, que cuestiona a falta de iniciativas propias e de novos investimentos por parte do goberno actual.

Alternativa dos Veciños tamén censura que se utilicen as visitas institucionais e a presenza nos medios para promocionar actuacións que, segundo sostén, responden a unha planificación e un traballo desenvolvidos polo seu grupo político.

«Fisterra necesita ir a toda marcha»

A formación defende que o municipio precisa novos proxectos, investimentos e unha xestión eficiente, e reclama ao actual goberno que recoñeza o traballo realizado durante o anterior mandato.

«Fisterra non pode ir ao compás do chacachá; Fisterra necesita ir a toda marcha», sinala Alternativa dos Veciños, que insiste na necesidade de impulsar novas actuacións e de ofrecer resultados á veciñanza.