
A formación critica que a actuación financiada polo POS+ 2023 non completase o cruce e alerta do perigo da grava solta para os veciños.
BOIRO. – UCIN Boiro denuncia o deficiente remate das obras de asfaltado realizadas en Xian, cun investimento de 34.089,21 euros con cargo ao POS+ 2023. A formación cuestiona que, malia o investimento realizado, o asfaltado remate de maneira abrupta nun cruce, deixando unha zona con grava solta que pode supoñer un risco para peóns, ciclistas e motoristas.
Desde UCIN Boiro critican que a visita institucional do alcalde e do concelleiro de Obras, acompañada da correspondente fotografía sobre o pavimento recentemente colocado, non reflicta a situación que, segundo a formación, se atopa realmente na zona. «Unha obra non se remata cando se fai a foto, senón cando a veciñanza pode utilizala con seguridade», sinalan.
A formación chama especialmente a atención sobre dous aspectos da actuación: por unha banda, o remate do asfalto, que deixa sen cubrir parte do cruce; por outra, a presenza de grava solta nunha zona en pendente, unha circunstancia que consideran potencialmente perigosa para as persoas que transitan polo lugar.
UCIN reclama o mesmo trato para o rural
A formación política considera que esta situación volve poñer sobre a mesa a necesidade de prestar máis atención ás infraestruturas das parroquias. Neste sentido, lembra que os veciños do rural contribúen cos seus impostos do mesmo xeito que os residentes no casco urbano e reclama que reciban servizos e actuacións á altura das súas necesidades.
UCIN Boiro cuestiona que unha obra cun orzamento superior aos 34.000 euros presente deficiencias no seu remate e reclama que se revise a actuación para garantir que o cruce quede correctamente acondicionado e sexa seguro para a veciñanza.
A formación conclúe reivindicando o seu labor de seguimento das obras municipais mediante visitas ás parroquias e contacto directo cos residentes, co obxectivo de dar visibilidade a aquelas deficiencias que, ao seu xuízo, non se aprecian nas imaxes institucionais.
UCIN Boiro reclama que as obras públicas se completen con garantías e que o investimento municipal se traduza en melloras reais para todos os veciños, tanto do casco urbano como do rural.


