

A organización rexeita uns comportamentos que considera contrarios aos valores do festival e xa traballa para reparar os desperfectos ocasionados.
O Festival Premios Fouciño, que se celebra en Baio, expresou a súa preocupación polos actos vandálicos acontecidos durante a pasada noite e condenou publicamente uns comportamentos que considera incompatibles cos valores que defende o certame.
A través dunha publicación nas redes sociais, a organización lamentou os danos ocasionados e pediu desculpas ás persoas afectadas, tanto polo impacto dos feitos como polos desperfectos provocados nos espazos e na contorna.
«Facer isto é antifouciño! Non representa o noso festival nin os nosos valores», manifestou o equipo organizador, que rexeitou rotundamente este tipo de actuacións e lembrou que a falta de respecto e o vandalismo non teñen cabida nunha iniciativa que nace arredor da cultura, da convivencia e da participación colectiva.
Desde o festival subliñan que o proxecto se constrúe grazas á implicación de todas as persoas que participan, colaboran e traballan para sacar adiante cada edición. Por iso, recoñecen sentir «moita tristeza» ante uns feitos que consideran contrarios á filosofía e á ilusión coas que se organiza o evento.
Traballos para reparar os danos
A organización anunciou que xa está a traballar para reparar os desperfectos ocasionados durante a noite e trasladou o seu apoio ás persoas afectadas. Así mesmo, reiterou as súas desculpas e apelou ao respecto e á convivencia como piares fundamentais do festival.
Malia o sucedido, o equipo dos Premios Fouciño agarda que estes feitos non empañen o desenvolvemento das xornadas nin a boa acollida que, segundo sinala, está a recibir por parte da veciñanza.
«Agardamos que isto non empañe unhas xornadas nas que nos sentimos moi arroupados por todo o pobo», concluíu a organización, que agradeceu o apoio recibido e reivindicou os valores que están detrás deste proxecto cultural.
O equipo Fouciño insiste así na importancia de preservar o respecto polos espazos e polas persoas para garantir que o festival siga sendo un punto de encontro para a cultura e a comunidade
