
O óxido, os columpios partidos e as táboas rotas supoñen un risco para os nenos que utilizan as instalacións situadas no recinto da antiga escola.
Os veciños da parroquia de Serres, no municipio de Muros, reclaman ao Concello unha actuación para reparar e acondicionar o parque infantil situado no recinto da antiga escola, debido ao mal estado no que, segundo denuncian, se atopan as instalacións.
A través dunha queixa pública, os residentes alertan da presenza de elementos oxidados, táboas deterioradas e rotas, verdín nos elementos de madeira e columpios partidos. Unha situación que consideran preocupante, especialmente polo risco de que algún neno poida sufrir unha lesión mentres xoga no parque.
Os veciños lembran que o Concello xa acometeu melloras na antiga escola de Serres e consideran que sería conveniente aproveitar para renovar tamén o espazo de xogos, que se atopa no mesmo recinto. Segundo sinalan, a petición non implica necesariamente construír un parque novo, senón realizar os traballos de mantemento e reparación necesarios para garantir unhas condicións de uso seguras.
Ademais, aseguran que esta actuación xa fora prometida polo propio Concello nunha visita ás instalacións, polo que piden que se cumpra o compromiso adquirido e que non se deixe pasar máis tempo antes de intervir.
«Xa non pedimos un parque novo, pero para a xente que vivimos no lugar agradeceriamos que viñerades lavarlle a cara e arranxalo un pouco», expresan os residentes, que temen que a deterioración das instalacións acabe provocando un accidente.
A principal preocupación dos veciños é a seguridade dos máis pequenos. Por iso, solicitan ao Concello de Muros que revise o estado do parque e acometa canto antes as reparacións necesarias, con especial atención aos elementos oxidados e ás pezas rotas que poidan representar un perigo.
A petición busca que os nenos de Serres poidan seguir gozando dun espazo de lecer en condicións adecuadas, sen que as familias teñan que preocuparse polo estado das instalacións cada vez que os máis pequenos acoden xogar.






