
A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, reuniuse coas directivas das dúas entidades, acompañada polo alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e a concelleira Merce Noceda, para coñecer o seu traballo en defensa da pesca artesanal e da cultura mariñeira.*
A Deputación da Coruña mantivo unha reunión coas confrarías de pescadores do Pindo e Lira, no concello de Carnota, co obxectivo de coñecer de primeira man as necesidades do sector, os servizos que prestan aos profesionais do mar e os proxectos que desenvolven para dinamizar a actividade pesqueira e poñer en valor o patrimonio mariñeiro.
Durante os encontros, nos que participou a deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán Cancelo, xunto co alcalde de Carnota, Juan Manuel Saborido, e a concelleira Merce Noceda, abordouse especialmente a necesidade de contar con persoal que garanta a atención ás persoas asociadas, a tramitación administrativa e a organización das actividades das entidades.
No caso da confraría de Lira, que agrupa 59 persoas asociadas e conta cunha frota de 26 embarcacións, destacouse o traballo de promoción dos recursos da Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos. Entre as iniciativas máis relevantes figuran as xornadas gastronómicas celebradas o 25 de xullo e o 8 de agosto, que congregaron arredor de 2.000 persoas e contribuíron á difusión dos produtos locais e da importancia da pesca artesanal e do marisqueo sostible.
Pola súa banda, a confraría do Pindo puxo o foco na necesidade de reforzar o persoal administrativo para atender a xestión de permisos, os plans de explotación e a coordinación das numerosas actividades formativas, sociais e culturais que promove.
A entidade impulsa proxectos como os roteiros de *«Pindo Mariño», as audioguías de *«Contos do Mar»* e *«Un mar de mulleres»**, unha iniciativa destinada a recuperar e visibilizar a historia e o papel das mulleres na pesca e no marisqueo. Tamén desenvolve accións de limpeza de praias, recollida de residuos mariños e educación ambiental, ademais de propostas de turismo mariñeiro e recuperación da memoria local.
Finalmente, as dúas confrarías destacaron a colaboración co Concello de Carnota nas campañas de sensibilización contra o furtivismo, co propósito de fomentar o respecto polo traballo dos profesionais do mar e garantir a conservación dos recursos mariños.
A visita permitiu poñer en valor o papel fundamental das confrarías como entidades de apoio ao sector pesqueiro, dinamización económica e preservación da identidade e da cultura mariñeira da costa de Carnota.
