
Hai dores que non aparecen nos balances económicos nin nos informes das asociacións. Son as dores das familias que abriron as portas das súas casas aos nenos saharauís e que hoxe, despois de reclamar transparencia, viven coa angustia de non saber nada deles.
Despois de publicar varias informacións sobre a falta de transparencia do SOGAPS, hai algo que me resulta especialmente difícil de asumir: ver o sufrimento das familias que, de maneira altruísta, acolleron nenos e nenas saharauís, ofrecéndolles durante a súa estadía algo máis ca unha casa. Ofrecéronlles cariño, protección, atención e, sobre todo, unha familia.
Persoas que non buscaban nada a cambio. Familias que, ademais de asumir os gastos e as responsabilidades dunha acollida, aseguran que tamén abonaban unha suposta cota mensual de 30 euros que se lles presentaba como unha achega para axudar os nenos.
E agora, que queda de todo aquilo?
Quedan casas nas que se botará de menos unha voz, unhas risas, uns costumes e uns pequenos detalles que, co paso do tempo, acabaron formando parte da vida familiar. Quedan persoas que miran o teléfono esperando unha chamada, unha mensaxe ou simplemente unha noticia que lles permita saber que aqueles nenos aos que tanto queren están ben.
Unha das testemuñas que recibimos resume perfectamente esta situación:
«É como se me quitaran un fillo. Non sei se está ben, intento contactar con eles e non hai maneira. Envío material ás cegas, sen saber se o van recibir. Canto os boto de menos!».
É difícil ler estas palabras e non deterse un momento a pensar no que hai detrás delas.
Como se pode chegar a unha situación na que persoas que dedicaron tempo, esforzo e cariño a uns nenos acaben sen poder saber sequera como están? Como se pode deixar que unha reclamación de transparencia derive nunha situación na que as familias sintan que perderon todo contacto cos menores aos que acolleron?
Cómpre lembrar algo fundamental: estas familias non están reclamando ningún privilexio. Están pedindo explicacións. Queren saber se o diñeiro que achegan chega integramente ao seu destino, como se xestiona e en que se emprega. Queren ter garantías de que a súa colaboración serve realmente para mellorar a vida dos nenos e nenas saharauís.
E iso non só é lexítimo, senón que debería ser unha esixencia básica en calquera organización que recibe achegas económicas e fondos públicos.
O verdadeiramente preocupante é que reclamar transparencia non debería converterse nunca nun motivo para romper vínculos afectivos nin para deixar familias na incerteza. A solidariedade non pode funcionar baixo a condición de non facer preguntas. Quen colabora economicamente ten dereito a coñecer o destino dos seus cartos, e quen dedica a súa vida a axudar os demais merece, como mínimo, respecto e explicacións.
Pero hai outros actores nesta historia que tampouco poden mirar cara a outro lado: as administracións públicas.
Concellos, Xunta de Galicia e deputacións que destinan fondos ao SOGAPS teñen unha responsabilidade que vai máis alá de conceder subvencións e aprobar partidas orzamentarias. Cando se emprega diñeiro público, debe existir un control rigoroso, transparencia e mecanismos para garantir que os recursos cumpren a finalidade para a que foron concedidos.
Por iso, o silencio destas institucións ante as preocupacións expresadas polas familias resulta especialmente difícil de entender. Non abonda con apoiar publicamente a causa saharauí; tamén hai que garantir que os recursos destinados a esa causa se xestionan correctamente.
E que ninguén confunda esta denuncia. Cuestionar a xestión dunha organización non significa cuestionar a solidariedade co pobo saharauí. Todo o contrario. Precisamente porque cremos nesa causa, porque coñecemos as dificultades que sofre o pobo saharauí e porque queremos que os nenos e nenas teñan un futuro mellor, esiximos transparencia.
O que non podemos aceptar é que as persoas que máis directamente colaboran, as que abren as súas casas e os seus corazóns, acaben pagando emocionalmente o prezo de pedir explicacións.
Quizais o máis triste de todo isto sexa pensar naqueles nenos que tamén poden botar de menos as familias coas que compartiron unha parte da súa vida. Porque os vínculos afectivos non desaparecen dunha hora para outra, nin deberían quedar condicionados polas diferenzas entre adultos ou polas cuestións internas dunha organización.
A solidariedade non se pode utilizar como escudo fronte ás preguntas. A transparencia non é unha ofensa, é unha obriga. E o benestar dos nenos e nenas saharauís debe estar sempre por riba de calquera interese organizativo.
Hoxe hai familias que só piden poder saber como están aqueles nenos aos que un día abriron as portas da súa casa. Parece unha petición demasiado sinxela para que ninguén lles dea a calada por resposta.
E mentres tanto, a pregunta segue no aire: quen se vai preocupar das familias acolledoras e, sobre todo, dos nenos?
Porque a solidariedade verdadeira non consiste unicamente en acoller durante uns meses. Consiste tamén en respectar os vínculos creados, actuar con honestidade e non esquecer nunca que, detrás de cada proxecto solidario, hai persoas e sentimentos que merecen respecto.
Os nenos non son de ningunha organización. Os nenos son nenos. E o seu benestar non debería ser nunca moeda de cambio.
