O BNG de Vimianzo critica o estado no que se atopa a estrada que comunica Areosa con Reboredo, unha vía que, segundo denuncia a formación nacionalista, leva tempo sen recibir ningún tipo de mantemento e que na actualidade presenta unha situación de abandono.
Desde o BNG sinalan que a falta de actuacións de conservación está a provocar o deterioro das infraestruturas viarias do municipio, unha situación que afecta directamente ás persoas usuarias destas vías e ás condicións de seguridade e mobilidade da veciñanza.
A formación nacionalista lembra que leva anos insistindo no mal estado de numerosas estradas e infraestruturas municipais, reclamando actuacións de mantemento, conservación e mellora que permitan garantir unhas condicións adecuadas para a circulación.
O caso da estrada de Areosa a Reboredo é, para o BNG, un exemplo máis da falta de atención que sofren algunhas vías do rural de Vimianzo. Por iso, reclama que se actúe nesta estrada e que se estableza unha planificación de mantemento periódico que evite que o deterioro das infraestruturas continúe avanzando.
O BNG insiste na necesidade de atender as estradas de todo o municipio, tamén as do rural, e reclama que a veciñanza de Vimianzo poida contar con vías en condicións dignas e seguras.
