
A formación nacionalista critica o investimento de case 200.000 euros para cementar un camiño que xa é perfectamente transitable e que dá acceso ás dunas da Barra.
O BNG de Ponteceso denuncia unha nova actuación que considera innecesaria e prexudicial para o patrimonio natural do municipio. Nesta ocasión, a formación critica a intención do goberno local de estender o encementado das sendas a un novo tramo de aproximadamente un quilómetro no camiño que vai desde Currás cara á Barra.
Desde o BNG lembran que se trata dunha zona especialmente sensible desde o punto de vista ambiental, incluída na Rede Natura 2000 e catalogada como Zona de Especial Conservación (ZEC) e Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA).
Ademais, este camiño conduce ás dunas da Barra, un espazo de gran valor ecolóxico no que aniña a píllara das dunas, unha especie especialmente ameazada que precisa de condicións ambientais axeitadas para a súa supervivencia.
A formación nacionalista cuestiona a necesidade dunha intervención que suporía un investimento próximo aos 200.000 euros nun camiño que, segundo sinala, xa se atopa en condicións perfectamente transitables.
O BNG critica así a continuidade dun modelo de actuación que, ao seu xuízo, prioriza o cemento fronte á conservación da paisaxe e da biodiversidade. Neste sentido, lembra o precedente do encementado do Paseo Fluvial cara á Canteira, unha intervención que xa recibira as súas críticas.
«A mellor forma de protexer a paisaxe e a diversidade natural dunha zona tan sensible como esta é non facendo sobre ela ningunha intervención artificial», defende o BNG de Ponteceso.
A formación reclama, polo tanto, que se abandone este proxecto e que os recursos públicos se destinen a actuacións verdadeiramente necesarias, compatibles coa protección ambiental e co respecto ao patrimonio natural do concello.
