
O Concello de Padrón vén de completar unha nova actuación de mellora das infraestruturas viarias na parroquia de Herbón, coa pavimentación dun camiño que presentaba un avanzado estado de deterioro.
A intervención permitiu renovar o firme e mellorar as condicións de circulación e accesibilidade, prestando especial atención tamén á canalización das augas pluviais. Esta actuación resulta fundamental para garantir unha correcta evacuación da auga e favorecer a conservación do pavimento ao longo do tempo.
Grazas a estes traballos, a veciñanza da zona conta agora cun acceso renovado, máis cómodo e seguro para os seus desprazamentos diarios.
A obra contou cun orzamento de *76.314,46 euros* e foi financiada a través do *Plan de Obras e Servizos POS+ 2023 da Deputación da Coruña. A execución dos traballos foi realizada pola empresa **Excavaciones Pose, S.L.*
Con esta nova actuación, o Concello de Padrón continúa avanzando na mellora da rede viaria municipal e na renovación das infraestruturas dos distintos núcleos do municipio, dando resposta ás necesidades da veciñanza e contribuíndo a mellorar a calidade de vida no rural.




