O Concello de Cabanas acorda cos sindicatos implantar a carreira profesional para o persoal municipal a partir de 2027

O Concello de Cabanas alcanzou un acordo unánime cos sindicatos para a implantación da carreira profesional do persoal municipal, tanto funcionario como laboral, unha medida que busca recoñecer a traxectoria dos empregados e empregadas públicas, fomentar a súa formación continua e impulsar a mellora dos servizos municipais.

O acordo establece un sistema de carreira profesional estruturado en cinco categorías, ás que poderá acceder todo o persoal municipal mediante a realización de cursos, accións formativas e a valoración do traballo desenvolvido, así como en función dos anos de servizo prestados no Concello.

Con esta iniciativa, o goberno local pretende incentivar a actualización de coñecementos, a mellora das competencias profesionais e o compromiso dos traballadores e traballadoras coa administración municipal, recoñecendo tamén a experiencia e o tempo dedicado ao servizo público en Cabanas.

O acordo, que contou coa unanimidade dos sindicatos e do Concello, establece o ano 2027 como data de inicio da súa aplicación. O documento continuará agora coa súa tramitación administrativa ata acadar a aprobación definitiva.

O alcalde de Cabanas, Fernando Couce, agradeceu aos representantes sindicais a súa disposición ao diálogo e a vontade de colaboración que permitiron alcanzar este consenso. Así mesmo, destacou que este acordo supón un novo avance na mellora das condicións laborais do persoal municipal, que se suma a outras medidas impulsadas nos últimos meses, como a finalización do proceso de estabilización do emprego público e a actualización dos convenios laborais.

Deste xeito, a implantación da carreira profesional constitúe un novo paso no proceso de modernización da administración local, apostando polo recoñecemento do traballo do persoal municipal e pola mellora continua dos servizos que se prestan á veciñanza.