
A maxistrada María Josefa Ruiz, a asociación Saúde Mental A Mariña e as pioneiras do fútbol de Crendes reciben os recoñecementos deste 2026
O Grove (Pontevedra), 5 de novembro de 2026.- A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, entregou este mércores as Medallas Emilia Pardo Bazán 2026 á maxistrada María Josefa Ruiz, á asociación Saúde Mental A Mariña e ás pioneiras do fútbol de Crendes, tres referentes na defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres.
Durante o acto, no que tamén participaron a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández, Ángeles Vázquez destacou o labor das galardoadas e definiunas como exemplos dun feminismo libre, comprometido e inspirador para as novas xeracións.
A conselleira puxo en valor a traxectoria de María Josefa Ruiz, primeira muller en presidir unha Audiencia Provincial en Galicia, á que cualificou como unha figura de referencia na promoción da igualdade de xénero dentro do ámbito xudicial galego.
Tamén salientou o traballo da asociación Saúde Mental A Mariña, que contribuíu a visibilizar a necesidade dunha atención especializada e personalizada ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Neste sentido, destacou a creación da primeira casa de acollida destinada a mulleres que sufriron violencia machista e precisan apoio específico no ámbito da saúde mental.
Pola súa banda, as pioneiras do fútbol de Crendes recibiron o recoñecemento pola súa contribución á apertura de camiños no deporte feminino. Ángeles Vázquez lembrou que estas mulleres se incorporaron aos terreos de xogo nun momento no que o fútbol feminino apenas tiña cabida, converténdose en referentes para as novas xeracións e abrindo paso a futuras campioas.
Unha homenaxe ao legado de Emilia Pardo Bazán
A titular de Política Social e Igualdade incidiu na importancia de manter viva a memoria de Emilia Pardo Bazán, unha muller que, segundo sinalou, «fixo moito por mudar a sociedade» e contribuíu a abrir camiños para as xeracións posteriores.
Vázquez explicou que estas distincións buscan render homenaxe á escritora galega e recoñecer, ao mesmo tempo, o compromiso de persoas e entidades que traballan diariamente pola defensa dos dereitos das mulleres e pola construción dunha sociedade máis igualitaria.
A elección da Illa da Toxa, no Grove, como escenario da entrega dos galardóns responde tamén á súa vinculación coa autora. Segundo lembrou a conselleira, Emilia Pardo Bazán foi a primeira persoa en deixar por escrito a lenda que dá vida á illa, unha relación que a Xunta quixo poñer en valor coa celebración do acto neste enclave.
Deste xeito, as Medallas Emilia Pardo Bazán volven recoñecer o compromiso, a valentía e a contribución de mulleres e entidades que, desde diferentes ámbitos, traballan para avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.
