
O encontro, celebrado no Auditorio de Vimianzo, puxo en valor o traballo das profesionais dos coidados e a importancia dos servizos de proximidade no rural.*
O Auditorio de Vimianzo acolleu hoxe unha xornada organizada pola rede de cooperativas COLAXE con motivo do Día Internacional das Persoas Coidadoras, que se conmemora cada 5 de novembro. O encontro reuniu representantes institucionais e profesionais do ámbito dos coidados para reivindicar o papel fundamental das persoas coidadoras e destacar a importancia dos servizos de atención de proximidade no rural.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, foi a encargada de dar a benvida ás persoas asistentes, entre as que se atopaban o director xeral de Maiores, Antón Acevedo, e representantes dos distintos concellos participantes.
Durante a xornada púxose o foco no labor das persoas coidadoras, especialmente das mulleres, que desempeñan un papel esencial na atención e no acompañamento das persoas maiores. Tamén se destacou a necesidade de fortalecer os recursos de proximidade para garantir que este colectivo poida continuar vivindo nos seus fogares e no seu territorio, mantendo a súa autonomía, dignidade e calidade de vida.
O encontro serviu, ademais, para recoñecer o traballo desenvolvido por COLAXE, unha rede que conta con 21 casas do maior distribuídas en nove concellos da Costa da Morte e que presta atención a máis de 100 persoas maiores.
A organización quixo facer un recoñecemento especial á xerente da entidade, Natalia Asorey, así como ao conxunto das profesionais que forman parte deste proxecto, polo seu compromiso diario coa atención ás persoas maiores e coa mellora da calidade de vida no rural.
A elección de Vimianzo como sede desta celebración foi tamén unha oportunidade para visibilizar a importancia dun modelo de coidados próximo, humano e adaptado ás necesidades da poboación, especialmente nun territorio como a Costa da Morte, onde os servizos de proximidade resultan fundamentais para combater a soidade e favorecer o envellecemento no propio fogar.
Desde o Concello de Vimianzo agradeceron a COLAXE que escollese o municipio para celebrar esta xornada e puxeron en valor o seu traballo a prol dunha Costa da Morte máis humana, solidaria e comprometida co benestar das persoas maiores.


