


A Plataforma Mina de Touro-O Pino alerta do impacto emocional, social e ambiental que o proxecto mineiro pode provocar nas comunidades afectadas
A preocupación polo futuro do territorio vai moito máis alá do impacto ambiental. A ameaza que representa o proxecto dunha explotación mineira a ceo aberto nos concellos de Touro e O Pino pon tamén sobre a mesa unha realidade menos visible, pero profundamente humana: o sufrimento emocional das persoas que ven como o seu fogar, a súa paisaxe e a súa forma de vida poden desaparecer.
A ecoansiedade, definida pola Real Academia Española como a ansiedade provocada pola degradación ambiental derivada da actividade humana e do cambio climático, é un fenómeno cada vez máis presente nunha sociedade consciente da crise ecolóxica. Pero cando a ameaza deixa de ser unha preocupación global e se concreta no lugar onde vivimos, traballamos e construímos os nosos recordos, aparece outro concepto especialmente significativo: a solastalxia.
Este termo, acuñado polo filósofo ambiental Glenn Albrecht, describe a dor emocional que experimentamos cando o noso contorno natural sofre unha transformación negativa mentres seguimos vivindo nel. É a angustia de contemplar como aquilo que sempre sentimos como fogar está ameazado pola destrución.
No caso das parroquias afectadas polo proxecto mineiro de Touro e O Pino, esta preocupación ten nomes e lugares concretos: os montes polos que paseamos, os ríos que forman parte da nosa memoria colectiva, as terras que traballamos, as fontes, os camiños, as árbores e toda esa riqueza natural que dá identidade ao territorio.
A posible alteración destes espazos non supón unicamente un risco ecolóxico ou económico. Tamén pode afectar á saúde emocional, á tranquilidade e ao sentimento de pertenza das persoas que viven nestas comunidades. O medo a perder a paisaxe da infancia, a contorna familiar e os recursos naturais dos que depende a vida cotiá xera unha profunda sensación de incerteza e desprotección.
O territorio non é só un espazo físico: é memoria, identidade e vida.
Por iso, a defensa do territorio non pode limitarse a unha cuestión técnica ou administrativa. Cómpre escoitar tamén as persoas, as súas preocupacións e o impacto que a ameaza dun proxecto destas características pode ter na convivencia e no benestar colectivo.
Fronte á angustia e á impotencia, a resposta pasa pola información, a participación cidadá, a organización veciñal e a defensa colectiva do patrimonio natural e cultural.
A Plataforma Mina de Touro-O Pino reivindica así a importancia de protexer non só os ecosistemas, os ríos e os recursos naturais, senón tamén o vínculo emocional que une as persoas coa súa terra.
Porque cando se ameaza a paisaxe, tamén se ameaza unha parte da nosa historia. E cando se pon en perigo o lugar que sentimos como fogar, defender a terra convértese tamén nunha forma de defender a saúde, a dignidade e o futuro das comunidades.
Non queremos vivir coa angustia de perder o que somos. Queremos seguir vivindo nun territorio vivo, saudable e libre de ameazas. Porque defender a terra é, en definitiva, defendernos a nós mesmas e ás xeracións que veñen detrás.
