
Avanza Malpica solicita ao Concello que habilite unha partida orzamentaria específica para dotar de equipos de protección, ferramentas e material preventivo ás persoas participantes no proxecto «Adopta unha praia».
A formación considera que, aínda que esta iniciativa é positiva para fomentar a concienciación ambiental e o coidado do litoral, é imprescindible garantir a seguridade dos nenos e nenas dos centros educativos e das persoas voluntarias das asociacións participantes.
Entre as necesidades sinaladas figuran os equipos de protección individual (EPI), ferramentas adecuadas para a limpeza e material de seguridade e prevención.
Desde Avanza Malpica insisten en que non abonda con promover actividades de voluntariado, senón que a Administración local debe proporcionar os medios necesarios para desenvolvelas con garantías.
A formación pide así ao Goberno municipal que contemple estas necesidades nos orzamentos e garanta a protección de todas as persoas implicadas.
«Coidar as nosas praias é importante, pero coidar das persoas que as coidan é aínda máis importante», defende Avanza Malpica.
