
Os veciños de Cortiñán, no municipio de Bergondo, amosan o seu malestar pola colocación dos colectores do lixo, que ocupan parte da beirarrúa e dificultan o tránsito peonil.
As persoas afectadas cuestionan que non se teña en conta a accesibilidade da zona, especialmente para persoas que utilizan cadeira de rodas, andadores ou bastóns, así como para familias con carriños de bebé.
A súa queixa chega acompañada dunha boa dose de ironía: «Nesa zona ninguén vai en cadeira de rodas, con andador, nin bastón, e os carriños de bebé deben ser doutro mundo».
Os residentes pregúntanse se a solución pasa por obrigar os peóns a circular pola calzada, como se tamén fosen vehículos a motor e tivesen que pagar o correspondente imposto de circulación.
Máis alá da ironía, reclaman unha solución que permita manter os colectores sen obstaculizar o paso e garanta unhas beirarrúas accesibles e seguras para todos.
