
A formación nacionalista denuncia as dificultades que están a sufrir veciñanza e comerciantes pola redución de paradas de autobús, as retencións e os problemas de circulación.
A veciñanza de Palmeira continúa a sufrir as consecuencias dos atrasos nas obras da AC-305, unha situación que está a provocar problemas de mobilidade e dificultades no día a día da localidade.
Entre as principais queixas figuran a redución das paradas de autobús afectadas polos traballos, as dificultades dos negocios da zona para recibir clientela e as retencións de tráfico en puntos como O Carballal, Chimpín e A Bouciña. Unha situación que tamén está a complicar os desprazamentos habituais da veciñanza.
Ante este escenario, o BNG asegura estar a recoller as demandas e preocupacións das persoas afectadas e reclama tanto ao Concello como á Xunta de Galicia que adopten medidas para minimizar as consecuencias das obras.
En concreto, a formación pide recuperar as paradas de autobús afectadas, garantir a mobilidade da poboación e reforzar o control e a regulación do tráfico mentres continúen os traballos na estrada.
Desde o BNG consideran necesario dar resposta ás dificultades que está a atravesar Palmeira e evitar que a veciñanza e o tecido comercial continúen asumindo as consecuencias dos atrasos.
A formación nacionalista anima tamén á cidadanía a trasladar as súas experiencias e queixas para visibilizar os problemas existentes e conseguir que as demandas da localidade cheguen ás administracións responsables.




