Os residentes alertan da falta de alumeado na estrada principal e nas vías da contorna, unha situación que consideran perigosa para peóns e condutores. O BNG reclama solucións ao goberno municipal.
A veciñanza de Palmeira, na parroquia de Ribeira, denuncia a falta de iluminación pública en diferentes puntos da localidade, unha situación que, segundo sinalan, se prolonga dende hai tempo e que está a xerar preocupación entre os residentes.
A estrada principal e varias rúas da súa contorna presentan, segundo as denuncias veciñais, unha iluminación insuficiente, o que dificulta a circulación e supón un posible risco tanto para os peóns como para os condutores, especialmente durante as horas nocturnas.
Esta problemática súmase ás molestias ocasionadas polas obras que se están a desenvolver na zona, cos conseguintes atascos, semáforos e dificultades para circular. Unha situación que está a incrementar o malestar entre os habitantes de Palmeira.
O BNG xa trasladara anteriormente as súas críticas polos problemas derivados das obras e agora volve poñer o foco nas deficiencias do alumeado público. A formación nacionalista reclama unha resposta do goberno municipal, integrado polo PP e o PBBI, e pide que se atendan as demandas da veciñanza.
Desde a formación cuestionan se Palmeira está a recibir os mesmos servizos que o resto do municipio e lembran que os seus habitantes pagan os mesmos impostos e teñen dereito a contar cunhas infraestruturas e uns servizos públicos adecuados.
A reclamación vai dirixida á alcaldesa e ao executivo local, aos que piden que actúen para resolver os problemas de iluminación e mellorar as condicións de seguridade na localidade.
**A veciñanza reclama solucións e pide que Palmeira deixe de estar ás escuras.**
