Veciños de Valdoviño denuncian a colocación dunha grúa na vía pública sen aviso previo nin información sobre a súa duración

A Ocupación dunha rúa por unha grúa de gran tonelaxe sen comunicación aos residentes e malestar pola actuación da Policía Local ante a falta de autorización.

A colocación dunha grúa de grandes dimensións nunha vía pública de Valdoviño está a provocar o malestar dos veciños da zona, que denuncian a falta de información e previsión por parte do Concello ante unha actuación que afecta directamente á mobilidade e á vida diaria dos residentes.

Segundo trasladan os afectados, o vehículo de gran tonelaxe ocupou a rúa sen que previamente se informase ao vecindario da intervención, nin se facilitase unha estimación do tempo que permanecerá instalado o dispositivo. Unha situación que consideran unha falta de respecto cara aos residentes, que se atopan cun obstáculo de importantes dimensións sen coñecer cando se restablecerá a normalidade.

A polémica tamén se estende á actuación da Policía Local. Segundo a versión dos veciños, tras personarse no lugar, os axentes limitaríanse a instar o responsable da grúa a solicitar o correspondente permiso, sen que, polo momento, se producise ningunha sanción.

Esta circunstancia xerou indignación entre os afectados, que cuestionan o diferente nivel de esixencia que, ao seu xuízo, se aplica á cidadanía e aos responsables deste tipo de ocupacións da vía pública.

Os residentes reclaman ao Concello de Valdoviño que aclare se existe autorización para esta intervención, que informe sobre a duración dos traballos e que explique por que non se comunicou previamente a actuación aos veciños.

«Esiximos información, respecto polo vecindario e que as normas se apliquen por igual a todos», reivindican os afectados, que cuestionan a falta de previsión municipal e reclaman unha resposta ante unha situación que consideran inaceptable.