
A Confraría de Pescadores de Corcubión retirou un total de **442,25 quilos de residuos mariños**, principalmente plásticos, durante tres novas xornadas de limpeza desenvolvidas ao longo do mes de outubro.
As actuacións enmárcanse no proxecto **«Bancos marisqueiros de Corcubión sen lixo mariño»** e levaron a cabo nos bancos marisqueiros da SICAR, na praia de Estorde e na praia de Cee.
Estas intervencións teñen como obxectivo reducir a contaminación mariña e mellorar o estado de conservación dos espazos naturais dos que depende a actividade marisqueira. A retirada dos residuos contribúe tamén á protección dos recursos mariños e á mellora das condicións ambientais dos bancos marisqueiros.
Desde a confraría destacan a importancia de manter este compromiso coa conservación do medio mariño e continuar sumando esforzos para avanzar cara a un mar máis limpo.
O proxecto está cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) e pola Xunta de Galicia, a través da Consellería do Mar.






