
Leva 114 días agardando por unha prótese de cadeira de prioridade 2 e asegura que, tras rexeitar a derivación á sanidade privada, foi advertida de que podería pasar de tres meses a ano e medio de espera.
**«Ou me opero na privada ou volvo á casiña de saída».** Así resume unha paciente a chamada recibida do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), na que lle ofreceron realizar nun centro privado concertado unha intervención cirúrxica que leva meses agardando: a implantación dunha prótese de cadeira.
A paciente leva xa **114 días en lista de espera**, a pesar de ter asignada unha prioridade 2, para a que, segundo os criterios de espera recomendable do SERGAS que invoca, o prazo non debería superar os 90 días.
A súa indignación xorde non só polo atraso acumulado, senón tamén polas condicións da alternativa que lle foi ofrecida. Segundo relata, xa rexeitara expresamente a posibilidade de ser derivada a un centro privado, deixando constancia desta decisión no seu rexistro de inclusión na lista de espera.
A pesar diso, recibiu unha nova chamada na que se lle formulou esa opción e, ante a súa negativa, asegura que se lle advertiu de que podería ter que volver á lista de espera e afrontar unha demora de ata **un ano e medio**.
«Non estamos a falar dunha intervención menor. É unha prótese de cadeira, unha operación importante para a miña saúde, a miña mobilidade e a miña calidade de vida. Quero que me operen na sanidade pública, no meu hospital de referencia e cos profesionais que coñecen o meu proceso», manifesta.
### Rexeitar a privada non debería supoñer un castigo
A paciente cuestiona o que considera unha presión institucional inaceptable: primeiro incumprir os prazos recomendables de atención e, posteriormente, ofrecer como única saída unha derivación á sanidade privada. Se o paciente rexeita esa alternativa, a consecuencia sería asumir unha espera moito maior.
«Que clase de elección é esta? Que liberdade ten unha persoa enferma cando rexeitar unha operación nun centro privado pode significar esperar ata ano e medio para recuperar a súa mobilidade?», pregúntase.
Ao seu xuízo, non se trata dunha elección libre entre dúas alternativas equivalentes, senón dunha situación de presión na que o paciente acaba asumindo as consecuencias das deficiencias do sistema sanitario público.
A denunciante tamén lembra que a Valedora do Pobo interveu en situacións similares, incluídas demoras relacionadas con próteses de cadeira, e que a perda dunha garantía de prazo máximo non elimina as circunstancias clínicas que motivaron a prioridade asignada ao paciente.
Así mesmo, invoca o Decreto 105/2017, que regula os tempos máximos de acceso ás prestacións sanitarias públicas de Galicia, e cuestiona que se utilice a derivación a centros concertados sen garantir previamente unha alternativa adecuada dentro da propia rede pública, nos termos establecidos pola normativa.
### «A sanidade pública é un dereito, non un favor»
A paciente considera que este tipo de situacións evidencian un deterioro da sanidade pública galega e denuncia o que interpreta como un proceso de derivación progresiva de pacientes e recursos cara ao sector privado.
«Isto non é unha solución aos problemas da sanidade pública. É converter as súas carencias nunha oportunidade para derivar pacientes á sanidade privada», afirma.
A súa reclamación é clara: que se respecte a prioridade clínica que lle foi asignada, que se teña en conta o tempo que xa leva agardando e que non se vexa penalizada por exercer o seu dereito a rexeitar unha derivación que non desexa.
«Non quero que me obriguen a escoller entre a miña saúde e o meu dereito a recibir unha atención sanitaria pública de calidade. Quero que me operen na sanidade pública e que se respecten os meus dereitos como paciente».
A súa mensaxe final é tamén un berro de denuncia ante o que considera un progresivo desmantelamento do sistema sanitario galego:
**«SANIDADE PÚBLICA, POR FAVOR! QUE A ESTÁN DESMONTANDO!»**
