Un ferido de consideración tras saírse da vía un vehículo na AC-453, en Ames

Unha persoa resultou ferida de consideración tras sufrir unha saída de vía co seu vehículo no quilómetro 6,5 da estrada AC-453, no termo municipal de Ames.

O accidente mobilizou os servizos de emerxencia, ata o lugar desprazáronse efectivos de Protección Civil de Ames, a Garda Civil de Tráfico, persoal sanitario do 061 e o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) de Brión.

Os efectivos do GES de Brión tiveron que intervir para liberar á persoa ferida, que permanecía atrapada no interior do vehículo. Unha vez excarcerada, foi atendida polos servizos sanitarios e trasladada nunha ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

Polo momento, non transcenderon máis datos sobre as circunstancias nas que se produciu o sinistro.