O Torneo Adaptado Zas reúne 43 deportistas de oito entidades galegas na súa terceira edición

O pavillón municipal de Zas acolleu o pasado sábado pola mañá a terceira edición do Torneo Adaptado Zas 2026, unha cita deportiva organizada pola AD ZAS Tenis de Mesa, coa colaboración do Concello de Zas, que volveu converter o deporte nun espazo de inclusión, convivencia e compañeirismo.

Nesta edición participaron un total de 43 deportistas pertencentes a oito asociacións de diferentes puntos de Galicia, que se deron cita arredor do tenis de mesa nunha xornada marcada pola deportividade, o esforzo e a participación.

Entre as entidades participantes estiveron Saúde Mental FEAFES Galicia, de Santiago; DOA Saúde Mental, de Vigo; Alume Saúde Mental, de Lugo; A Creba Saúde Mental, de Noia-Ribeira; Avelaíña Asociación Saúde Mental, da Guarda; APEM, de Cee; Asociación ÍNTEGRO, de Nantón; Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, e Asociación Lenda de Saúde Mental, de Redondela.

Jesús Raspall proclamouse campión do torneo, mentres que Manuel Otero acadou o segundo posto. O podio completárono Miguel Paredes, na terceira posición, e Antonio García, que finalizou cuarto.

O acto de entrega de medallas contou coa presenza do alcalde de Zas, Manuel Muíño, e do tenente de alcalde, José Brenlla, que participaron na entrega dos recoñecementos e trasladaron o seu agradecemento a todas as persoas participantes polo esforzo, a implicación e o espírito deportivo demostrado ao longo da competición.

O III Torneo Adaptado Zas consolídase así como unha iniciativa que vai máis alá da competición, promovendo a práctica deportiva adaptada, a igualdade de oportunidades e a participación social das persoas con problemas de saúde mental. Unha xornada na que o máis importante foi compartir, participar e demostrar que o deporte é unha ferramenta fundamental para a inclusión.