O BNG de Cee destaca que a Xunta recoñece un defecto procedemental no proxecto das sendas peonís de Estorde.

O Goberno galego terá que retrotraer a tramitación neste treito do Camiño de Fisterra tras admitir que non notificou formalmente as respostas ás alegacións presentadas polas persoas afectadas.

A veciñanza de Estorde, na parroquia de Cee, consegue un avance nas súas reivindicacións fronte ao proxecto das sendas peonís do Camiño de Fisterra. A Xunta de Galicia vén de admitir a existencia dun defecto procedemental na tramitación do expediente, ao non comunicar formalmente ás persoas afectadas as respostas ás alegacións que presentaran contra a actuación.

Esta irregularidade obriga agora a Administración autonómica a dar marcha atrás no procedemento neste treito e volver escoitar aos propietarios e veciños antes de continuar coa tramitación das expropiacións.

Desde o BNG de Cee lembran que levan tempo acompañando á veciñanza de Estorde nesta reivindicación. Unha problemática que tamén foi trasladada ao Parlamento de Galicia por iniciativa de Óscar Insua e Serxio Domínguez Louro, despois de manter unha reunión cos afectados para coñecer de primeira man as súas preocupacións e reclamar a Turismo de Galicia un diálogo directo coa poboación.

O desacordo dos veciños céntrase especialmente no impacto que o trazado previsto podería ter sobre as propiedades e a actividade agrícola da zona. Segundo defende o BNG, a actuación podería provocar a división de pequenas parcelas e dificultar as servidumes de paso utilizadas polos tractores e a maquinaria agrícola.

Neste sentido, a formación nacionalista considera que existen alternativas que permitirían desenvolver o proxecto sen recorrer ás expropiacións. Entre as propostas trasladadas figura aproveitar o trazado do antigo Camiño Real ou conducir a senda polo centro da aldea, opcións que, segundo sostén o BNG, deberían ser estudadas pola Administración antes de adoptar unha decisión definitiva.

O BNG de Cee destaca que a admisión deste defecto procedemental supón un novo paso na reivindicación veciñal e insiste na necesidade de que a Xunta abra unha vía de diálogo real cos afectados, tendo en conta as súas propostas e as particularidades do territorio.

A formación conclúe felicitando a veciñanza de Estorde pola súa constancia e reafirma o seu compromiso de seguir acompañándoa na defensa das súas propiedades, dos seus dereitos e dos intereses do municipio.