Alternativa dos Veciños reivindica a súa xestión detrás das obras que avanzan en Fisterra

A formación lembra que varios proxectos recentemente executados ou que están a piques de comezar foron xestionados, aprobados e orzamentados durante a súa etapa no goberno municipal.

Alternativa dos Veciños reivindica o traballo realizado durante a súa etapa no goberno municipal de Fisterra e asegura que varias das obras que se están executando nestes momentos ou que comezarán proximamente son froito da xestión desenvolvida polo seu equipo.

A formación lembra que, en agosto de 2025, foi desaloxada do goberno local tras unha moción de censura presentada polo Partido Popular co apoio dun concelleiro tránsfuga. Porén, sostén que o traballo realizado daquela continúa dando resultados e facendo posible que diferentes actuacións saian adiante na actualidade.

Entre as obras que xa foron executadas recentemente, Alternativa dos Veciños destaca a pavimentación do tramo de San Martiño a Ermedesuxo de Arriba, a mellora do vial de Escaselas e a actuación no camiño do Bispo a Castro de Duio.

Ademais, a formación sinala que están a comezar ou teñen un inicio inminente outros proxectos, como a renovación da rúa Alcalde Fernández, na súa primeira fase; a mellora do vial de Padrís; e o acondicionamento da entrada ao parque de Sardiñeiro.

Desde Alternativa dos Veciños amosan a súa satisfacción por comprobar que estas actuacións se están materializando, ao considerar que supoñen melloras importantes para o conxunto da veciñanza de Fisterra. Non obstante, tamén aproveitan para reclamar ao actual goberno municipal que non demore a execución doutras intervencións que, segundo aseguran, quedaron preparadas, xestionadas e orzamentadas durante o seu mandato.

Entre os proxectos pendentes mencionan o vial do Caribio ao Sisto, o saneamento en Vilar de Duio, a actuación na rúa Agra Nova, a mellora do acceso á praia da Langosteira e a reforma da planta -3 do Concello.

A formación insiste así en que o actual executivo debe dar continuidade aos proxectos xa planificados e executar as actuacións pendentes, co obxectivo de seguir mellorando as infraestruturas, os servizos e a calidade de vida dos habitantes do municipio.