


O Partido Popular da Pobra denuncia o estado de falta de mantemento que presentan distintos espazos públicos do municipio, onde a maleza, o óxido e a suciedade no mobiliario urbano evidencian, ao seu xuízo, unha preocupante falta de atención por parte do Goberno local.
Desde o PP consideran que esta situación reflicte unha deficiente xestión dos servizos de conservación e mantemento, e reclaman ao executivo municipal que actúe para solucionar estas deficiencias e garantir que os espazos públicos estean en condicións adecuadas para o seu uso e desfrute por parte da veciñanza.
«Para o Goberno da Pobra isto será normal, pero a nós parécenos unha falta de respecto á veciñanza», sinalan desde o Partido Popular.
A formación popular considera que manter o municipio limpo, coidado e en boas condicións non debería ser unha cuestión secundaria, senón unha responsabilidade básica de calquera goberno municipal.
O PP esixe, polo tanto, unha actuación urxente para retirar a maleza, limpar e reparar o mobiliario deteriorado e poñer fin a unha situación que, segundo denuncian, transmite unha imaxe de abandono e descoido do espazo público.
Desde a formación insisten en que a veciñanza merece uns servizos municipais á altura das súas necesidades e uns espazos públicos dignos, seguros e ben conservados.
