
O proxecto, desenvolvido en colaboración con tres socios tecnolóxicos, estase aplicando e validando nas plantas que o grupo ten en Galicia.
Vigo, 17 de novembro de 2026. – O Grupo Nueva Pescanova puxo en marcha OptimIA, un proxecto de innovación industrial que ten como obxectivo desenvolver unha plataforma tecnolóxica baseada na intelixencia artificial (IA) para optimizar os seus procesos produtivos. A iniciativa incorpora ferramentas avanzadas de supervisión, planificación e predición coas que busca mellorar a eficiencia das súas instalacións industriais e facilitar a toma de decisións.
O proxecto presentouse este martes durante a xornada Demo Day Clusaga Innova, organizada polo Clúster Alimentario de Galicia.
OptimIA combina diferentes tecnoloxías, entre elas intelixencia artificial xerativa, procesamento da linguaxe natural (NLP), visión artificial, analítica avanzada e aprendizaxe automática (machine learning). A súa aplicación permitirá avanzar na dixitalización dos procesos industriais e mellorar o control das operacións.
A iniciativa está liderada por Nueva Pescanova e conta coa participación de tres socios tecnolóxicos: OSIX Tech, Analytics by Kaizen (ABK) e ADM Galicia. Na actualidade, o proxecto estase aplicando e validando nas plantas que o grupo ten en Galicia.
Tres ámbitos de actuación
O desenvolvemento de OptimIA céntrase en tres áreas principais. A primeira é a supervisión intelixente dos procesos e o control de calidade mediante ferramentas de intelixencia artificial, co obxectivo de mellorar a detección de posibles incidencias e reducir os erros operativos.
A segunda liña de traballo aborda a optimización da planificación da produción. Para iso, a plataforma emprega sistemas avanzados capaces de analizar simultaneamente múltiples variables e restricións operativas, facilitando unha organización máis eficiente dos recursos e das actividades produtivas.
O terceiro ámbito céntrase no desenvolvemento de modelos predictivos que permitan anticipar o comportamento de determinados tratamentos aplicados aos produtos do mar. Estes modelos constrúense a partir dos datos obtidos mediante a monitorización en tempo real dos procesos, para o que o proxecto conta cun banco de ensaios intelixente equipado con sensores avanzados.
Avanzar cara a unha industria máis intelixente
Coa implantación de OptimIA, Nueva Pescanova pretende ampliar a dixitalización das súas operacións industriais, reducir erros, incrementar a eficiencia produtiva e optimizar o uso dos recursos. O proxecto tamén busca reforzar a trazabilidade e o control de calidade, avanzando cara a un modelo de industria intelixente apoiado na intelixencia artificial.
A iniciativa conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
Sobre o Grupo Nueva Pescanova
O Grupo Nueva Pescanova é unha compañía española especializada na pesca, o cultivo, a elaboración e a comercialización de produtos do mar, tanto frescos e refrixerados como conxelados. Conta con arredor de 10.000 empregados, opera en 17 países e comercializa os seus produtos en máis de 70 mercados de todo o mundo.
