A Xunta reivindica o papel das mulleres referentes para impulsar o liderado feminino no II Congreso Executivas de Galicia

A directora xeral de Igualdade, Paula Uría, asistirá ao II Congreso Executivas de Galicia Mulleres que abren camiño.

Paula Uría destaca a importancia de que as profesionais con traxectorias consolidadas sirvan de inspiración ás novas xeracións e contribúan a abrir camiño nos distintos ámbitos laborais

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2026.– A Xunta de Galicia puxo en valor o papel das mulleres referentes no ámbito profesional como motor de inspiración para as novas xeracións durante a celebración do II Congreso Executivas de Galicia, baixo o lema Mulleres que abren camiño. A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou esta tarde no encontro, no que incidiu na necesidade de avanzar desde a presenza do talento feminino cara a unha maior participación das mulleres nos postos de liderado e responsabilidade.

Durante a súa intervención, Uría subliñou que o éxito das mulleres que abriron camiño non reside unicamente en acadar posicións pioneiras, senón en facilitar que outras poidan seguir os seus pasos. «O verdadeiro éxito das mulleres que abren camiño non é ser as primeiras, é conseguir que despois delas veñan moitas máis», sinalou.

Neste sentido, destacou que, unha vez acadada unha maior presenza feminina en sectores tradicionalmente masculinizados, o seguinte desafío pasa por transformar ese talento en liderado. Un obxectivo co que, segundo indicou, a Xunta mantén un compromiso firme.

A directora xeral tamén incidiu no valor do intercambio de experiencias entre profesionais de distintas xeracións. Así, considerou especialmente positivo que o congreso reúna mulleres con carreiras consolidadas, executivas xunior e novas profesionais, favorecendo a creación de referentes e a transmisión de coñecementos e experiencias.

Ademais, Uría salientou a importancia de garantir que as mulleres estean presentes desde o inicio nos procesos de transformación do mercado laboral, co propósito de que o talento feminino participe activamente na definición dos novos modelos profesionais e empresariais.

O programa do congreso contou tamén coa participación da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, na sesión Executivas Xunior. Pola súa banda, a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social, Marta Vázquez, será a encargada de clausurar o encontro.

A celebración desta segunda edición consolida o Congreso Executivas de Galicia como un espazo para visibilizar o liderado feminino, compartir experiencias profesionais e impulsar novas oportunidades para que máis mulleres poidan acceder a postos de decisión.

A directora xeral de Igualdade, Paula Uría, asistirá ao II Congreso Executivas de Galicia Mulleres que abren camiño.