
A iniciativa desenvolverase nos centros educativos do municipio con actividades de sensibilización, creación artística e unha xornada colectiva o vindeiro 25 de novembro
VIMIANZO, 16 de novembro de 2026. O Concello de Vimianzo pon en marcha a campaña «Semprevivas», unha iniciativa de sensibilización e prevención da violencia de xénero con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A proposta busca achegar ao alumnado máis novo valores como a igualdade, a autoestima, o respecto e a liberdade persoal, facendo fincapé na importancia de construír relacións saudables desde as primeiras etapas da vida.
A campaña estará dirixida ao alumnado de Educación Primaria dos CEIP Plurilingüe San Vicenzo e CEIP de Baiñas, e terá como eixo central o conto Sempreviva, unha historia coa que se pretende convidar as nenas e os nenos a reflexionar sobre a importancia de non renunciar nunca á propia identidade, á liberdade, ás amizades, á voz nin ao tempo persoal.
A través de diferentes propostas educativas, os escolares participarán na lectura do conto, na elaboración de mensaxes de amor propio e na creación de ramos individuais con flores de sempreviva. Cada ramo incorporará unha mensaxe persoal, converténdose nun símbolo da identidade e dos valores que cada nena e neno considera fundamentais para medrar con liberdade e respecto.
A xornada central terá lugar o propio 25 de novembro no pavillón polideportivo municipal. Nesa data, todos os ramos realizados polo alumnado uniranse para formar un gran corazón colectivo. O acto incluirá a lectura do conto e a participación dos escolares, que compartirán as súas mensaxes de amor propio. A actividade rematará cunha cadea humana arredor da creación floral, nun xesto simbólico de unión, apoio e compromiso colectivo fronte á violencia de xénero.
A elección da flor de sempreviva responde ao seu significado de resistencia, esperanza e capacidade de recuperar a propia esencia. Deste xeito, cada ramo representa unha identidade, unha voz e unha historia, mentres que o corazón colectivo transmite a idea de que a prevención da violencia contra as mulleres é unha responsabilidade compartida por toda a sociedade.
As artes escénicas como ferramenta de sensibilización
A programación municipal do 25N completarase cunha actividade cultural no Auditorio de Vimianzo. A compañía Hurlé Prods, que está a desenvolver unha residencia artística no espazo escénico municipal, ofrecerá un pase aberto do espectáculo Virxinia: unha muller espida.
A representación celebrarase ás 12.30 horas e estará dirixida ao alumnado do IES Terra de Soneira. Con esta proposta, o Concello incorpora tamén as artes escénicas como ferramenta educativa para promover a reflexión e a sensibilización arredor da violencia contra as mulleres.
A concelleira de Benestar, María José Pose, subliña a importancia de abordar a igualdade e a prevención desde as idades máis temperás. «Queremos que as nenas e os nenos aprendan a valorarse, a respectarse e a identificar aquelas situacións nas que non deben renunciar á súa liberdade nin á súa identidade. A educación é unha ferramenta esencial para construír unha sociedade libre de violencia», sinala.
Con «Semprevivas», o Concello de Vimianzo aposta por unha prevención da violencia de xénero que comeza na educación, promovendo entre a infancia valores de autoestima, autonomía, igualdade e respecto. Unha campaña que lembra que aprender a quererse e a respectarse tamén é unha forma de previr a violencia.
