
O PSOE de Porto do Son denuncia a eliminación do servizo de autobús nas paradas de Arnela e Abuín tras a entrada en funcionamento, este sábado, da nova concesión de transporte público na comarca.
Segundo advirten os socialistas, son os propios condutores os que están informando ás persoas usuarias de que estas dúas paradas quedan fóra do percorrido, unha situación que afecta directamente á veciñanza que depende do transporte público para acudir ao médico, facer a compra ou desprazarse ao traballo.
Desde o PSOE cuestionan esta decisión e alertan das consecuencias que pode ter para os habitantes destas zonas, lembrando que unha situación similar xa se produciu en San Pedro de Muro.
«Que vai ser o seguinte? A eliminación completa da liña?», preguntan os socialistas, que consideran inaceptable a perda de servizos básicos nun concello como Porto do Son.
A formación asegura que xa remitiu un escrito ao Concello solicitando explicacións e reclamando que lle esixa á Xunta de Galicia aclarar o sucedido e garantir que as paradas de Arnela e Abuín recuperen o servizo de autobús.
