Portos de Galicia e a confraría de Rianxo analizan as necesidades de mellora das instalacións portuarias

A presidenta de Portos de Galicia, Natalia Botana, reuniuse co patrón maior de Rianxo, Miguel Ángel Iglesias, e coa directiva da confraría de pescadores Virxe do Carme para abordar as principais necesidades de mantemento e mellora das instalacións portuarias da localidade.

O encontro, celebrado esta mañá na sede de Portos de Galicia, enmárcase na rolda de contactos que a presidenta do ente público está a manter co sector profesional para coñecer de primeira man as demandas e prioridades dos usuarios dos portos de titularidade autonómica.

Durante a reunión, Botana e Iglesias repasaron diferentes incidencias relacionadas cos servizos portuarios, entre elas os problemas no subministro eléctrico, a videovixilancia e o control de acceso aos pantaláns.

Outro dos asuntos abordados foi o estado de varias infraestruturas, como o desaugadoiro da lonxa, o tubo da boca de incendios e a cuberta da antiga lonxa, un espazo que actualmente emprega a confraría como almacén ao abeiro dunha concesión administrativa.

Así mesmo, os representantes da entidade pesqueira trasladaron as necesidades existentes en materia de pavimentación, xunto coa demanda de novos amarres por parte dos usuarios das listas cuarta e sétima.

A xuntanza permitiu poñer en común as principais deficiencias e necesidades do porto de Rianxo, co obxectivo de establecer prioridades de actuación que contribúan a garantir o correcto funcionamento dos servizos e das instalacións portuarias