Corcubión aposta pola cultura galega cunha fin de semana de teatro e nova regueifa

A Casa da Cultura acollerá dúas propostas culturais os días 20 e 22 de novembro: a comedia «Xa é hora» e a proxección do documental «Ao son da nova Regueifa».

Corcubión prepárase para vivir unha fin de semana marcada polo teatro afeccionado e pola tradición oral galega. A programación cultural dos días 20 e 22 de novembro ofrecerá ao público dúas actividades que poñen en valor a creatividade, a expresión artística e a cultura propia.

A primeira cita será o venres 20 de novembro, ás 20.00 horas, no Auditorio da Casa da Cultura, coa representación de «Xa é hora», a cargo da compañía Teatro Pesadelo. A obra, baseada nun texto de Tomás Afán, está dirixida ao público adulto e propón unha comedia protagonizada por Sonia Barros e Xoana Pintos, baixo a dirección de Paco Luna.

A representación, que tivera que ser cancelada na súa convocatoria inicial do pasado 7 de novembro, chega agora como unha nova oportunidade para achegarse ao teatro afeccionado e coñecer o traballo das compañías galegas. A entrada será gratuíta. A actividade forma parte do Circuíto Galego de Teatro Amador, promovido pola Federación Galega de Teatro Afeccionado.

A programación continuará o domingo 22 de novembro, ás 18.00 horas, coa proxección do documental «Ao son da nova Regueifa», na Casa da Cultura de Corcubión, dentro do programa Outono das Artes.

O audiovisual propón unha viaxe por Galicia, desde Bergantiños ata Vigo, para descubrir as experiencias de regueifeiras e regueifeiros que manteñen viva esta tradición de improvisación oral, ao tempo que exploran novas formas de expresión. A través das súas historias, dos versos improvisados e da música, o documental amosa como a regueifa é capaz de combinar tradición e modernidade, raíces rurais e novos escenarios urbanos.

A peza ofrece así un retrato da diversidade e da capacidade de renovación dunha das manifestacións máis singulares do patrimonio cultural galego, unha arte que continúa gañando espazos e incorporando novas voces sen perder a súa esencia.

Esta última actividade está organizada pola Deputación da Coruña, dentro do programa Outono das Artes, coa colaboración do Concello de Corcubión.

Con estas dúas propostas, Corcubión convida a veciñanza e visitantes a participar nunha fin de semana na que o humor, o teatro e a palabra improvisada serán os protagonistas, reafirmando o compromiso coa difusión e promoción da cultura galega.