
O Parador Costa da Morte acolleu unha nova edición da cita organizada pola CMAT, na que se puxeron en común os avances do destino turístico e os principais retos de futuro.**
A Costa da Morte reuniu este martes a arredor de 200 representantes institucionais, profesionais do sector turístico e entidades sociais con motivo da celebración do VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, que tivo lugar no Parador Costa da Morte, en Muxía.
Cinco anos despois da súa primeira edición, este encontro anual, organizado pola CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), volveu converterse nun espazo de intercambio e reflexión sobre o presente e o futuro do turismo na comarca.
Durante a xornada compartiuse o traballo desenvolvido ao longo do último ano, os avances acadados na promoción do destino e os principais desafíos aos que se enfronta o territorio. Un dos obxectivos centrais foi reforzar a cooperación entre os 17 concellos que forman parte deste proxecto turístico común.
Un dos momentos destacados do encontro foi a homenaxe colectiva ás entidades de inclusión social da Costa da Morte, recoñecendo o labor que desenvolven no territorio.
Tamén tivo lugar a entrega do recoñecemento de IV Embaixador da Costa da Morte ao xornalista **Xosé Ameixeiras**, en recoñecemento á súa traxectoria profesional de máis de corenta anos dando voz á realidade galega e contribuíndo á difusión do territorio.
A música de Caamaño&Ameixeiras e un espazo de encontro entre os asistentes puxeron o punto final a esta sexta edición.
A organización deste encontro foi posible grazas ao convenio asinado entre a CMAT e a Axencia de Turismo de Galicia. Ademais, a asociación desenvolve outras accións de promoción turística a través dunha subvención concedida pola Deputación da Coruña.
O encontro volveu poñer sobre a mesa a importancia da colaboración institucional e do traballo conxunto para consolidar a Costa da Morte como destino turístico, nun proxecto que reúne os 17 concellos do territorio.
