Doce proxectos agroalimentarios galegos presentan as súas iniciativas na Fundación Juana de Vega

A xornada final da 14ª edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias celebrarase o 25 de novembro en Oleiros e incluirá a entrega do IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario e do Premio Sodexo Impulso Transformador.

A Fundación Juana de Vega celebrará o vindeiro mércores, 25 de novembro, na súa sede de Oleiros, a xornada final da 14ª edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias, na que os doce proxectos beneficiarios presentarán as súas iniciativas empresariais.

O encontro reunirá ás empresas e persoas emprendedoras participantes nas modalidades de Emprendemento e Crecemento-Consolidación, que darán a coñecer as súas propostas ante potenciais clientes, provedores, financiadores e representantes de entidades vinculadas ao desenvolvemento empresarial e ao emprendemento no medio rural.

A cita permitirá visibilizar a diversidade e o potencial innovador do sector agroalimentario galego, cunha ducia de iniciativas asentadas en diferentes concellos das catro provincias, entre eles Cervo, Ames, Arzúa, Nigrán, Tomiño, A Veiga, Melide, Vilalba, Ourense, Pontedeume e A Coruña.

As propostas abranguen ámbitos moi diversos da cadea agroalimentaria, desde a elaboración de marmeladas, conservas vexetais, produtos lácteos innovadores, xeados artesáns, chocolates bean to bar, licor café e viños de variedades autóctonas, ata a transformación da castaña galega, a produción a partir de plantas medicinais e a cosmética natural.

A programación inclúe tamén iniciativas de gandería rexenerativa, recuperación e valorización da cría tradicional do capón de Vilalba e consultoría tecnolóxica orientada a desenvolver solucións sostibles para o sector agrario.

Doce iniciativas para impulsar o agroalimentario galego

Na modalidade de Emprendemento presentarán os seus proxectos Marmeladas A Morena, de Cervo, impulsada por Cristina Rodríguez Eijo, dedicada á elaboración de marmeladas e conservas vexetais con produto local; Ruda Plantas Medicinais, de Nigrán, promovida por Marta Celada Cividanes, centrada no desenvolvemento de produtos a partir de plantas medicinais; e Lácteos Ameixenda, de Ames, de Alejandro Moure Abelenda, que aposta pola innovación no sector lácteo.

Completarán esta categoría Ruralbiosystems Consultoría, de Tomiño, liderada por Sandra Victoria Rojas Nossa, especializada en solucións tecnolóxicas sostibles para o agro; Castanea Natura, da Veiga, de Javier García Blanco, que transforma a castaña galega en produtos de valor engadido; e Lácteos As Mellas, de Arzúa, impulsada por Sandra Mella Ríos, dedicada á transformación de produtos lácteos.

Na modalidade de Crecemento-Consolidación participarán Borboriño Xeados, de Melide, de Sandra Aldrey Martínez, cun obradoiro de xeado artesán; Granxa Rexenerativa Bico do Río, de Vilalba, promovida por Cian Francis Brazil, centrada nun modelo de produción gandeira sostible; e Oliva Souto Capón de Vilalba, de Laura Cortiñas, que aposta pola cría tradicional deste produto emblemático da gastronomía galega.

Tamén presentarán as súas iniciativas Palmira Licor Café, de Ourense, de Berta Fontán Freijeiro, dedicada á elaboración artesanal de licor café; Oxóco Chocolates, de Pontedeume, de Tomás Rodríguez Díaz, especializada en chocolates bean to bar elaborados en Galicia; e Mixtura Independent Wines, da Coruña, de Gutier Seijo Otero, centrada na produción de viños de variedades autóctonas.

Dous premios para recoñecer o talento e a transformación

Un dos momentos centrais da xornada será a entrega de premios, prevista para as 14.10 horas. O IV Premio Juana de Vega ao Emprendemento Agroalimentario distinguirá o mellor proxecto da modalidade de Emprendemento.

Como novidade, nesta edición entregarase tamén o Premio Sodexo Impulso Transformador, promovido coa colaboración de Sodexo Iberia, que poderá recoñecer iniciativas das dúas modalidades do programa, tanto de Emprendemento como de Crecemento-Consolidación.

Esta colaboración reforza o compromiso compartido de ambas as entidades co desenvolvemento rural, o fortalecemento do tecido agroalimentario e o impulso dos produtores locais, das canles curtas de comercialización e da presenza dos alimentos de proximidade nos circuítos de consumo.

Previamente á entrega dos galardóns, ás 14.00 horas, Sodexo ofrecerá a intervención «Sodexo: apoiando o rural galego». A xornada finalizará ás 14.20 horas cun aperitivo no que se poderán degustar produtos elaborados polos proxectos participantes.

Programa da xornada

O encontro comezará ás 9.15 horas coa recepción dos asistentes. As presentacións dos proxectos da modalidade de Emprendemento iniciaranse ás 9.30 horas, mentres que as iniciativas de Crecemento-Consolidación tomarán a palabra a partir das 12.00 horas.

A sede da Fundación Juana de Vega, en Oleiros, acollerá esta xornada que busca favorecer o intercambio de experiencias, crear oportunidades de colaboración e dar visibilidade ás novas propostas que contribúen á innovación, á competitividade e á creación de valor no rural galego.