PSOE, BNG e Candidatura Veciñal rexeitan o suplemento de crédito de 231.508 euros pola falta de información económica

Os tres grupos da oposición denuncian a falta de transparencia e diálogo do Goberno municipal e reclaman documentación para poder avaliar a proposta.

Cabanas, 19 de novembro de 2026. Os grupos municipais do PSOE, BNG e Candidatura Veciñal votaron en contra do suplemento de crédito de 231.508,61 euros presentado polo Goberno municipal ao considerar que non dispoñen da información económica necesaria para analizar e valorar con rigor as partidas incluídas na proposta.

A iniciativa xa obtivera un ditame desfavorable na Comisión Informativa, onde os tres grupos solicitaron os estados actualizados de execución do orzamento, unha desagregación dos gastos previstos e aclaracións sobre as discrepancias detectadas na documentación económica. Estas peticións tamén foron trasladadas formalmente ao Concello, sen que a información requirida chegase antes da votación.

PSOE, BNG e Candidatura Veciñal consideran que a aprobación de modificacións orzamentarias debe estar sustentada en datos claros, documentación suficiente e unha planificación que permita coñecer a situación real das contas municipais. Neste sentido, lembran que Cabanas continúa funcionando cun orzamento de 2023 prorrogado, unha situación que, ao seu xuízo, reforza a necesidade de rigor e transparencia na xestión económica.

Os tres grupos lamentan tamén a falta de diálogo por parte da Alcaldía e consideran que non se atenderon as peticións de información nin se procuraron espazos para achegar posicións e alcanzar acordos sobre as necesidades económicas do Concello.

Durante o debate, a Alcaldía cuestionou o labor da oposición con expresións como «dedicáronse a pedir información, enredar…». Os grupos asinantes consideran que estas declaracións desvirtúan a función de fiscalización e control que corresponde aos representantes municipais e que solicitar documentación sobre o destino dos fondos públicos forma parte das súas responsabilidades.

«O problema non é que á oposición sempre lle falte algo, senón que o Goberno non facilita información económica esencial para poder tomar decisións responsables», sosteñen os tres grupos, que reivindican o dereito a exercer o control da xestión municipal con garantías e rigor.

PSOE, BNG e Candidatura Veciñal reiteran a súa disposición a traballar por acordos que respondan ao interese xeral de Cabanas, pero insisten en que estes deben construírse sobre a base da transparencia, a información rigorosa, a planificación e o diálogo entre todas as forzas políticas.