
O Goberno local denuncia o bloqueo da oposición a fondos para a Axuda no Fogar, o alumeado público, actividades culturais e deportivas e outros servizos municipais
O Goberno municipal de Cabanas, formado polo Partido Popular, denuncia o voto en contra de PSOE, BNG e Somos Cabanas á modificación de crédito 40/2026, por importe de 231.508,61 euros, destinada a reforzar distintas partidas necesarias para o funcionamento dos servizos municipais e a atención á veciñanza.
A modificación contemplaba a incorporación de fondos para servizos esenciais, entre eles o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), o mantemento do alumeado público, o Punto de Atención á Infancia, a rede de abastecemento de auga, actividades culturais e deportivas, o canon da auga e os equipos informáticos municipais.
Do total da modificación, 127.741,29 euros, o 55 % do importe, destinábanse ao financiamento do Servizo de Axuda no Fogar, que se atopa actualmente en fase administrativa de licitación. Tamén se incluían recursos para o mantemento do alumeado público, igualmente en proceso de licitación, así como para garantir o funcionamento e a continuidade doutras prestacións municipais.
O Executivo local considera que o voto en contra da oposición supón un obstáculo para avanzar na dotación económica destes servizos e lamenta que, ao seu xuízo, se antepoñan as discrepancias políticas ás necesidades do municipio.
A oposición alegou falta de información
Durante a tramitación da modificación, os grupos da oposición manifestaron inicialmente a súa falta de documentación e información para poder emitir o voto, solicitando datos que, segundo o Goberno municipal, xa estaban incorporados ao expediente ou foran trasladados en sesións plenarias anteriores.
Entre a información requirida figuraban datos relativos ao remanente municipal, incluídos na Dación de Conta presentada no pleno de agosto, así como as necesidades de financiamento recollidas na Memoria explicativa da Alcaldía e os correspondentes pronunciamentos legais.
Con anterioridade á celebración do pleno, Secretaría-Intervención emitiu un escrito no que indicaba que o expediente estaba completo e que os informes incluían a información necesaria, sen que procedesen novos pronunciamentos máis alá dos legalmente establecidos.
Xa durante a sesión plenaria, PSOE e BNG solicitaron inicialmente que o asunto quedase sobre a mesa, alegando novamente falta de información. Tras as explicacións da Alcaldía sobre a documentación dispoñible e os antecedentes do expediente, ambos os grupos retiraron a proposta e o punto foi sometido directamente a votación.
Finalmente, a modificación de crédito non saíu adiante debido ao voto en contra de PSOE, BNG e Somos Cabanas.
O Goberno comprométese a seguir traballando para garantir os servizos
O Goberno municipal lamenta que esta decisión poida dificultar a dotación de recursos para servizos como a Axuda no Fogar, o Punto de Atención á Infancia ou o mantemento das infraestruturas municipais, e asegura que continuará buscando alternativas para garantir a súa continuidade e mellora.
Desde o Executivo local insisten en que a prioridade debe ser atender as necesidades da veciñanza e dotar os servizos municipais dos recursos necesarios para o seu funcionamento, polo que apelan á responsabilidade dos grupos da oposición para facilitar iniciativas que consideran fundamentais para Cabanas.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso de seguir traballando para mellorar os servizos públicos e a calidade de vida da veciñanza, pese ás dificultades políticas que, segundo denuncia, está atopando para sacar adiante determinadas iniciativas.
