
As propostas, dirixidas á infancia e á mocidade, poderán realizarse en familia ou no ámbito escolar e combinarán educación ambiental, patrimonio, investigación e creatividade
Padrón, 19 de novembro de 2026. O Concello de Padrón, a través da Oficina de Turismo e en colaboración coa Asociación Medioambiental Amabul, acaba de impulsar dous novos itinerarios pedagóxicos ambientais para achegar o patrimonio natural e cultural do municipio á infancia e á mocidade. As propostas, que poderán desenvolverse tanto en familia como no ámbito educativo, teñen como escenarios o río Ulla e o Xardín Botánico Artístico.
Os dous percorridos están concibidos como experiencias didácticas, participativas e atractivas, nas que a observación, o pensamento crítico, o traballo en equipo e o respecto polo medio natural desempeñan un papel fundamental.
Unha investigación sobre a vida do Ulla
O primeiro itinerario, «O Ulla como rede de vida», desenvólvese no entorno do río e intégrase na recentemente inaugurada ruta de sendeirismo das pesqueiras de Padrón, a PR-G 276.
A proposta presenta unha experiencia de educación ambiental articulada arredor dunha narrativa de misterio, na que os participantes deberán investigar as pesqueiras tradicionais, descubrir o ciclo vital da lamprea e comprender as relacións entre o ecosistema fluvial, a comunidade e o territorio.
Ao longo de seis paradas, os grupos irán recollendo e interpretando pistas para descubrir as conexións entre os elementos naturais, culturais e sociais que conforman o Ulla. O percorrido permite coñecer o funcionamento das pesqueiras, interpretar a migración da lamprea, analizar a calidade ecolóxica do río a través de bioindicadores e descubrir a microtoponimia como parte da memoria cultural.
A actividade tamén invita a reflexionar sobre os impactos ambientais e sobre a influencia das accións humanas no equilibrio dos ecosistemas. Cunha duración aproximada de tres horas e media, culmina coa resolución do misterio e a reconstrución da rede de relacións que dá vida ao río.
Para facilitar a súa aplicación nos centros educativos, a iniciativa conta cun manual específico para o profesorado, que inclúe orientacións metodolóxicas, preparación previa da saída, materiais necesarios, adaptacións segundo as idades, criterios de avaliación e recomendacións de seguridade.
O Xardín Botánico como espazo de memoria e creación
O segundo itinerario, «O xardín da memoria viva», propón descubrir o Xardín Botánico Artístico de Padrón desde unha perspectiva diferente, combinando natureza, historia, interpretación simbólica e creación artística.
A través da observación activa e da fotografía como ferramenta educativa, os participantes deberán identificar elementos do recinto, interpretar esculturas e espazos como portadores de memoria e significado e representar, mediante imaxes, ideas, emocións ou conceptos.
O traballo cooperativo e a toma de decisións compartidas serán tamén protagonistas dunha experiencia que busca fomentar unha mirada máis consciente sobre o patrimonio e descubrir novas formas de relacionarse cun dos espazos máis singulares e visitados da vila.
O itinerario ten unha duración aproximada de dúas horas e dispón igualmente dun manual para o profesorado, con propostas complementarias para ampliar o traballo antes ou despois da visita.
Recursos dispoñibles para familias e centros educativos
Os materiais elaborados para ambos os itinerarios estarán dispoñibles nas webs de Turismo de Padrón e do Xardín Botánico, no apartado «Que facer – Actividades» da web turística municipal. Deste xeito, profesorado, familias e grupos interesados poderán preparar previamente as visitas e desenvolver as propostas de forma autónoma.
Ademais, ao longo de 2027 a Oficina de Turismo prevé organizar diferentes convocatorias destas actividades abertas ao público xeral, co obxectivo de facilitar a participación da cidadanía e ofrecer novas formas de descubrir o patrimonio padronés.
Con esta iniciativa, Padrón reforza a súa aposta pola divulgación do patrimonio local desde idades temperás e pola creación de recursos que integren educación ambiental, turismo, cultura e coñecemento do territorio.
