A Xunta impulsa unha rede de mulleres emprendedoras beneficiarias do programa Emega

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou na posta en marcha dunha iniciativa que busca favorecer a colaboración e o intercambio de experiencias entre empresarias galegas

Santiago de Compostela, 19 de novembro de 2026. A Xunta de Galicia anima as beneficiarias das axudas do programa Emega a crear unha rede de mulleres emprendedoras que permita compartir experiencias, establecer colaboracións e fortalecer os seus proxectos empresariais.

A directora xeral de Promoción da Igualdade, Paula Uría, participou esta mañá no acto de posta en marcha desta iniciativa, no que felicitou as participantes tanto pola celebración do Día Internacional da Muller Emprendedora como por seren beneficiarias das axudas deste programa autonómico, destinado a impulsar o emprendemento feminino.

Durante a súa intervención, Uría destacou que o programa Emega vai máis alá do apoio económico e subliñou o compromiso do Goberno galego de acompañar as empresarias nesta nova etapa. Para iso, desenvolverase un programa formativo orientado a responder ás necesidades e aos retos reais que afrontan nos seus negocios.

Neste marco, a Xunta impulsará tamén os Encontros Emega, concebidos como espazos para favorecer o intercambio de coñecementos, compartir experiencias e identificar oportunidades de colaboración entre as participantes.

A iniciativa busca que esta rede de emprendedoras medre progresivamente e se consolide como unha comunidade de apoio mutuo, contribuíndo a fortalecer os proxectos empresariais liderados por mulleres e a fomentar novas sinerxías no tecido económico galego.