
As persoas usuarias critican os cambios nos horarios, a falta de información nas paradas e os incumprimentos nas horas de paso, e reclaman a intervención do Concello.
Os problemas co servizo de autobús de Monbus continúan a xerar malestar entre os veciños de Ribeira. As persoas usuarias denuncian que, tras os recentes cambios nos horarios, a información segue sen estar dispoñible nas propias paradas, o que dificulta coñecer con certeza as horas de paso dos vehículos.
A esta falta de información súmanse os incumprimentos dos horarios anunciados. Segundo denuncian os usuarios, hai autobuses que chegan a pasar ata dez minutos antes da hora prevista na web da compañía, unha situación que provoca prexuízos a quen depende do transporte público para desprazarse e que pode facer que moitas persoas perdan o autobús.
O malestar veciñal vai en aumento ante unha situación que consideran insostible e que afecta directamente á calidade e á confianza nun servizo esencial para a mobilidade diaria.
Por este motivo, reclaman que o Concello de Ribeira interveña ante a compañía e esixa solucións ás deficiencias que se veñen denunciando desde hai tempo. Entre as principais demandas figuran a colocación dos horarios actualizados nas paradas, o cumprimento efectivo das horas de paso e a prestación do servizo con autobuses en condicións adecuadas.
As persoas afectadas consideran que estas peticións non son excesivas, senón cuestións básicas que debería garantir un servizo público de transporte. Reclaman, así, unha resposta por parte da empresa e das administracións responsables para poñer fin a uns problemas que continúan condicionando o día a día dos usuarios.
