
A última adxudicación para a iluminación navideña ascende a 99.500 euros máis IVE. Creaciones Luminosas S.L. repite como empresa adxudicataria, tras conseguir tamén contratos nas campañas anteriores.
O gasto municipal en decoración e iluminación de Nadal volve xerar críticas entre veciños de Porto do Son, que cuestionan as cantidades que o Concello destina cada ano a este tipo de instalacións festivas.
A última adxudicación, correspondente á campaña 2026-2027, alcanza os 99.500 euros sen IVE, unha cifra que ascende a 120.395 euros co imposto incluído. O contrato, tramitado mediante o expediente 2029/2026, foi adxudicado a Creaciones Luminosas S.L.
O procedemento partía dun orzamento de 100.000 euros sen IVE e recibiu unha única oferta, polo que a rebaixa respecto da cantidade inicial foi de apenas 500 euros.
A evolución dos contratos tamén permite observar o incremento do gasto. Na campaña 2023-2024, o Concello adxudicou á mesma empresa o servizo de iluminación e decoración navideña por 57.954 euros máis IVE, cun custo final de 70.124,34 euros.
Posteriormente, no expediente correspondente a 2025-2026, Creaciones Luminosas S.L. volveu resultar adxudicataria dun contrato dividido en dous lotes, que incluía tanto a iluminación de Nadal como a das festas do Carme. O importe total adxudicado foi de 78.000 euros sen IVE.
As cantidades volven situar o gasto en iluminación festiva no centro do debate municipal. Os veciños que cuestionan estes desembolsos consideran necesario revisar as prioridades do Concello e reclamar maior transparencia sobre o custo das instalacións, o número de elementos contratados e os servizos incluídos en cada campaña.
O novo contrato, que supera os 120.000 euros co IVE incluído, reabre así a discusión sobre o custo da decoración navideña en Porto do Son e sobre a evolución dos recursos públicos destinados a este fin.
