Ángeles Vázquez reafirma o compromiso da Xunta na loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres

A conselleira de Política Social e Igualdade visitou o CIM móbil instalado no campus de Ferrol e incidiu na importancia de previr a violencia dixital, que afecta especialmente á mocidade.

Ferrol, 20 de novembro de 2026. A conselleira de Política Social e Igualdade, Ángeles Vázquez, reafirmou este venres o compromiso da Xunta de Galicia na loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres durante a súa visita ao Centro de Información á Muller (CIM) móbil instalado no campus universitario de Ferrol.

Durante a visita, Vázquez puxo o foco no incremento da violencia dixital, unha problemática que afecta especialmente á mocidade e que se manifesta a través do acoso, o control e outras formas de violencia exercidas mediante internet e as redes sociais. Neste contexto, animou as estudantes e os estudantes a achegarse aos CIM móbiles para recibir información, asesoramento e orientación, así como para coñecer os recursos dispoñibles fronte a estas situacións.

A iniciativa enmárcase na programación impulsada pola Xunta con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Durante estes días, os campus universitarios galegos acollerán CIM móbiles acompañados de stands informativos da campaña institucional, co obxectivo de crear espazos próximos e accesibles para sensibilizar, informar e atender as necesidades da comunidade universitaria.

A conselleira destacou a importancia da prevención como ferramenta fundamental para combater a violencia de xénero e incidiu na necesidade de concienciar a sociedade, especialmente as novas xeracións, sobre as distintas manifestacións desta violencia, incluídas aquelas que se producen no ámbito dixital.

Así mesmo, Ángeles Vázquez lembrou que a loita contra a violencia machista require chegar a todos os recunchos de Galicia e reforzar a colaboración cos concellos, pola súa proximidade á cidadanía. Neste sentido, animou as mulleres a utilizar os recursos e servizos existentes para recibir apoio e facer fronte a calquera situación de violencia.