O BNG de Cabana denuncia que seis meses despois de aprobarse a moción segue sen arranxarse o acceso a unha vivenda no Briño

Os nacionalistas esixen ao Goberno municipal que cumpra o acordo plenario e garanta a seguridade da única vía de acceso a unha casa habitada en Borneiro.

O BNG de Cabana de Bergantiños denuncia a falta de actuación do Goberno municipal para arranxar a estrada situada no lugar do Briño, na parroquia de Borneiro, seis meses despois de que o Pleno aprobase por unanimidade unha moción presentada pola formación nacionalista para solucionar os graves problemas de acceso á vivenda dunha veciña.

A vía, que constitúe o único acceso practicable á casa, presenta un estado de deterioración cada vez máis preocupante, con fochancas, perda de pavimento e vexetación que invade a calzada. Ademais, existen problemas de iluminación, cableado eléctrico e anegamentos durante os meses de inverno, situacións que poden dificultar ou mesmo impedir o tránsito e comprometer o acceso dos servizos de emerxencia.

A portavoz municipal do BNG, Tatiana Rellán, lamenta que, malia o acordo plenario, a veciña continúe padecendo as consecuencias da falta de mantemento. «Seis meses despois dun acordo aprobado por todos os grupos, a veciña segue tendo que acceder á súa casa por unha estrada cada vez peor. De que serve aprobar mocións se despois non se cumpren?», cuestiona.

Desde a formación nacionalista critican tamén que o Goberno municipal xustifique a falta de actuacións polo incremento do prezo do asfalto, un argumento que consideran insuficiente para deixar sen solución un problema que afecta directamente á seguridade e á accesibilidade dunha veciña.

«Se o asfalto sobe, deixamos de arranxar as estradas? E se o ano que vén volve subir, seguimos esperando? A falta de mantemento tamén custa cartos, porque o que hoxe é unha reparación mañá pode converterse nunha obra moito máis cara», afirma Rellán.

O BNG lembra que son numerosas as vías municipais de Cabana que precisan labores de conservación, pero considera que este caso require unha atención prioritaria por tratarse do único acceso practicable a unha vivenda habitada.

«Que pasa se esta veciña necesita unha ambulancia nun día de fortes choivas? Temos que esperar a que ocorra unha desgraza para actuar?», pregunta a portavoz nacionalista, que reclama unha resposta inmediata por parte do Concello.

A formación esixe ao Goberno municipal que cumpra o acordo aprobado polo Pleno e estableza un calendario concreto de actuacións para reparar a estrada e resolver os problemas de accesibilidade e seguridade.

«Gobernar tamén é establecer prioridades. E garantir que unha persoa poida entrar e saír da súa casa con seguridade debería ser unha delas. Os acordos plenarios non poden quedar nun caixón», conclúe Rellán.

O BNG anuncia que volverá levar este asunto ao próximo Pleno municipal, previsto para a semana que vén, co obxectivo de esixir que se resolva con carácter inmediato e antes da chegada do inverno, evitando que a situación da veciña empeore e que a falta de actuación poida derivar en consecuencias máis graves.