
O Concello de Padrón puxo en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para reclamar á Xunta de Galicia e á empresa concesionaria melloras no servizo de transporte público correspondente ao proxecto de explotación XG847, que presta servizo na comarca do Barbanza.
A iniciativa xorde tras os problemas detectados desde a entrada en vigor do novo servizo, entre os que figuran a supresión de frecuencias, a falta de conexións directas, os transbordos, os horarios pouco adaptados ás necesidades da veciñanza e as dificultades relacionadas coas paradas.
Entre as principais demandas do Concello atópase a recuperación e o reforzo das frecuencias eliminadas, así como a adaptación dos horarios ás necesidades de estudantes, persoas traballadoras e usuarios que precisan desprazarse para acudir a citas médicas.
Tamén se reclama incrementar as conexións directas entre Padrón, Santiago e Ribeira, mellorar os enlaces cos hospitais e centros educativos e dispoñer de paradas máis accesibles e próximas aos núcleos urbanos.
A petición municipal inclúe, ademais, que se cumpran os percorridos e as paradas establecidas, xunto cunha mellora da información e da atención ás persoas usuarias.
A veciñanza que queira apoiar esta reivindicación pode asinar no propio Concello de Padrón ou na estación de autobuses.
Coa campaña, o Concello busca reunir o apoio da cidadanía para trasladar ás administracións e á concesionaria a necesidade dun transporte público con máis frecuencias, mellores conexións e horarios adaptados ás necesidades reais da comarca.
