O Plan de Barrios 2025-27 avanza con novos investimentos destinados a melloras na Sagrada Familia, o Barrio das Flores e Labañou


27 DE AGOSTO DE 2025

O Plan de Barrios 2025-27 avanza con novos investimentos destinados a melloras na Sagrada Familia, o Barrio das Flores e Labañou

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, na rolda de prensa desta mañá

A Xunta de Goberno Local deu luz verde a actuacións por valor de máis de tres millóns de euros nestes distritos da cidade

O concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, e voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage, informou esta mañá dos novos avances que está a experimentar o Plan de Barrios 2025-27, que suporá novas actuacións de mellora na Sagrada Familia, o Barrio das Flores e Labañou, intervencións que suporán un investimento de máis de tres millóns de euros.

En primeiro lugar, hoxe deuse luz verde á licitación das obras de reurbanización previstas no espazo sureste do Barrio das Flores. Levaranse a cabo, concretamente, na superficie ao aire libre que hai entre as rúas Azucenas e Petunias, un espazo de 5.300 metros cadrados situado entre as torres do sureste do barrio, lindeiras á rolda Camilo José Cela.

Remodelaranse os espazos de paso peonil e está prevista a instalación dun novo ascensor que permitiría comunicar, de forma vertical, a plataforma de acceso ao edificio de vivendas ao norte da rúa Azucenas e a plataforma de acceso ao edificio situado ao sur. Ademais, renovarase o parque infantil que hai no centro da praza e haberá melloras na rede de saneamento e de iluminación pública, para facelas máis eficientes. O investimento total previsto ascende a 1,1 millóns de euros.

A Rolda Peonil avanza en dirección á Agra do Orzán

Por outra banda, hoxe tamén se aprobou a saída a concurso da segunda fase de humanización da rúa Sagrada Familia, que aparella tamén as actuacións necesarias en Antonio Carballo co obxectivo de dar continuidade á Rolda Peonil.

«O noso obxectivo é dar continuidade a este percorrido pola Sagrada Familia para conectalo co barrio da Agra e que chegue directamente ao futuro parque do Observatorio, onde xa estamos a traballar para adecuar os novos peches interiores da AEMET», apuntou Lage.

O investimento previsto nos traballos entre Sagrada Familia e Antonio Carballo será de algo máis dun millón de euros. «Agora licitamos as obras e, unha vez as adxudiquemos, haberá un prazo de dez meses para a súa execución», agregou o concelleiro.

Melloras no grupo de vivendas María Pita, en Labañou

Ademais, hoxe aprobouse a saída a concurso das obras correspondentes á segunda fase de reurbanización do grupo de vivendas de María Pita, no barrio de Labañou.

Nesta quenda darase continuidade á folla de ruta xa plasmada na primeira, en puntos como Tomás Fábregas. «Gañarase accesibilidade, espazos públicos de máis calidade e ademais implantaremos medidas para reforzar a seguridade viaria na contorna dos edificios residenciais. Tamén melloraremos as infraestruturas da zona e incrementaremos as áreas verdes e superficies de lecer para a veciñanza, con respecto ás que hai agora», detallou Lage esta mañá.

O investimento previsto é de 970.000 euros.

Adxudicados os traballos de renovación da pasarela entre estacións

Por outra banda, hoxe adxudicáronse as obras de renovación da pasarela que cruza Alfonso Molina e conecta a estación de buses coa contorna da futura estación intermodal.

José Manuel Lage informou de que, en paralelo ás actuacións de mellora na estrutura da pasarela, que requirirán traballos específicos en taller, o Concello prevé instalar unha pasarela provisional para manter un itinerario peonil sobre a avenida.

Os traballos, adxudicados a Seranco, suporán un investimento dun millón de euros.

Luz verde á recuperación do esqueleto dos Rosales

Noutra orde de asuntos, o Concello outorgou a licenza que permitirá recuperar o esqueleto urbanístico da rúa Emilio González López, no barrio dos Rosales, onde está prevista a construción de 63 vivendas aproveitando a infraestrutura xa existente.

Lage lembrou que as medidas incluídas no Plan Municipal de Vivenda, ademais de sustentarse na creación de máis vivenda pública, tamén o fan na rehabilitación e a resolución dos expedientes urbanísticos que, por cuestións como a crise financiera do 2008, deixaron esqueletos sen rematar de edificar. «Cada caso ten as súas particularidades. O do Martinete, polas súas condicións de desgaste, foi demolido. O dos Rosales, atendendo aos informes técnicos, é recuperable para usos residenciais», concretou Lage.