
O Concello vén de licitar o servizo de organización, desenvolvemento e programación das actividades que se levarán a cabo nos vindeiros meses nas ciberaulas repartidas entre os diversos centros cívicos municipais.
Esta iniciativa, concibida especialmente para menores de 6 a 12 anos pertencentes a familias en risco de exclusión social, «é unha das medidas que está a potenciar o Goberno de Inés Rey para fomentar a conciliación familiar e laboral das e dos coruñeses», tal e como explicou a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
A previsión do Concello é ofertar máis de 2.400 horas de actividades plantexadas para que as nenas e nenos aprendan hábitos de vida saudable, den renda solta á súa creatividade e, ademais de descubrir e impulsar o seu talento individual, tamén interioricen a importancia de colaborar e traballar en clave colectiva.
Isto é posible grazas á existencia de espazos integrados onde a rapazada contará con equipamentos informáticos, tamén audiovisuais, de lectura e áreas de xogos infantís, habilitados en centros cívicos da Coruña como os de San Diego e Os Mallos, entre outros.
Desta forma, e ao longo dos vindeiros doce meses, as e o menores participantes nas ciberaulas poderán tomar parte nestas actividades extraescolares das que se informará ao detalle nas vindeiras semanas, toda vez se adxudique o contrato e se formalice o calendario definitivo coa programación completa.
Como xa é habitual nestes casos, a previsión do Concello é que as actividades se leven a cabo en horario de tarde, de luns a venres. Tamén haberá oferta fóra da tempada lectiva, xa en horario de mañá, en datas como o Nadal, as vacacións de verán e a Semana Santa.
Nereida Canosa, que destacou o traballo constante do equipo de profesionais do servizo de educación e atención familiar (SEAF) do Concello, puxo en valor esta proposta, «que contribúe a dar un apoio extra ás familias coruñesas en situación de vulnerabilidade socioeconómica, tamén a reforzar o seguimento sobre as nenas e nenos nos casos nos que se detecte un maior risco de exclusión».