As obras nos Cantóns avanzan desde mañá cara unha nova fase, cos traballos de pavimentación na contorna da praza da Aduana

Mañá, mércores 3 de setembro, arrincará unha nova fase de traballos ao abeiro das obras de remodelación dos Cantóns, que continuarán agora na contorna da praza da Aduana, a carón dos edificios da Subdelegación do Goberno e a Casa Paredes.

A intervención, centrada na pavimentación deste espazo, durará dous meses, o tempo preciso para concretar actuacións como a supresión e cubrición da entrada ao aparcadoiro, clave para que, no futuro, discurran sobre el os carrís destinados ao tráfico de vehículos. Tamén se aproveitará esta intervención para dispor as novas pezas de pedra correspondentes á superficie peonil.

Neste sentido, os dous meses establecidos para completar esta fase son necesarios para que dé tempo a que as losas estruturais de formigón, as do firme, teñan marxe para fraguar.

En todo caso, non haberá incidencias nin cortes ao paso do tráfico rodado. O tránsito de vehículos autorizados desde a avenida da Mariña poderá pasar polo carril que se acoutará fronte á praza da Aduana, e os que cheguen á altura do Teatro Colón -en dirección á Mariña- disporán dun desvío alternativo entrando pola rúa Alcalde Manuel Casás, seguindo pola avenida do Porto e, a continuación, entrando novamente á Mariña a través da rúa Ambrosio Feijóo, rúas onde xa se traballou, e en consecuencia, se pode circular.