A directora xeral de FP salienta o compromiso da Xunta co impulso da formación profesional básica en Carballo

A  directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá os alumnos do Instituto IES Monte Neme de Carballo que están a cursar o grao Básico de Cociña e Restauración con formación académica e práctica nas instalacións municipais do Fórum Carballo grazas a un acordo entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e o concello carballés.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou o compromiso da Xunta co impulso da Formación Profesional e, en concreto, coa modalidade de FP Básica en Carballo. Neste senso, puxo en valor a importancia da colaboración institucional neste eido como é o caso do concello carballés, que permite atender unha demanda da asociación de empresarios para a formación de profesionais en cociña e restauración.

Non en balde, ao abeiro desta cooperación, ademais da FP Básica de cociña e restauración da familia de Hostalaría e turismo, tamén empregan estas dependencias municipais os alumnos do ciclo de grao medio Soldadura e Caldeiraría, da familia de Fabricación Mecánica. Segundo Eugenia Pérez, estes ciclos “son un exemplo da aposta da Xunta polo impulso da FP adaptada ás necesidades do territorio e ás demandas do noso tecido socio-económico”.

Incremento de oferta e de matrícula

Cómpre lembrar que, ao abeiro do Plan FPGal360 de orientación profesional, a Xunta está a impulsar a modalidade de FP Básica cun incremento da oferta, a posibilidade de incorporación do alumnado a un itinerario formativo en niveis superiores e a habilitación de vías novidosas enfocadas a maximizar o éxito do alumnado, a inclusión e a cualificación de colectivos vulnerables e a loita contra o abandono temperá.

Segundo a directora xeral de FP, a boa acollida deste impulso da FP Básica reflíctese nos datos de matrícula deste curso, con 5.638 persoas cursando esta modalidade, un 4% máis que o curso pasado.