O Concello de Laracha inaugura o Mural Fenómenas do Rural

O Concello de Laracha presenta o traballo de Joseba Muruzábal (Yoseba MP) nun edificio da Avenida Fisterra da Laracha que xa forma parte da prestixiosa serie «Fenómenas do rural», coa que o artista leva anos homenaxeando ás mulleres galegas das aldeas.

👤 Está dedicado á figura de María Sánchez Tuset, coñecida como María da Orraca, residente nesa aldea da parroquia de Soandres. O traballo plasma a idea da memoria como superpoder, inspirándose nunha anécdota real que María lle contou ao artista: cando unha ovella súa pariu cinco cordeiros, ela tivo que trasladalos levando algúns nos petos do mandil. A partir desa imaxe, Joseba decidiu outorgarlle o “superpoder dos cordeiros”, simbolizando a capacidade de coidar, lembrar e preservar. A firma do mural inclúe unha referencia explícita ao libro «Recordos de María da Orraca» que ela escribiu.

▶ O Concello financiou integramente a iniciativa co obxectivo de embelecer o espazo público a través da arte urbana e de reforzar a identidade local mediante obras que poñan en valor tanto a historia como a xente do municipio.

👥 No acto de presentación estiveron o alcalde, José Manuel López Varela, os concelleiros Patricia Bello e Manuel García, o artista Joseba, a homenaxeada María, os oito fillos dela e gran parte da súa familia.