A selección española de fútbol sub-21 xogará en Lugo un partido de clasificación para o europeo co apoio da Xunta

A selección española de fútbol sub-21 xogará en Lugo o venres 14 de novembro o partido contra o San Marino clasificatorio para o Campionato de Europa 2027. O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destacou hoxe, durante a presentación da cita, que a Xunta “apoiou desde o primeiro momento á Federación Española de Fútbol para que este evento internacional se celebrara no estadio Anxo Carro”.

No acto, celebrado na Delegación Territorial, participaron tamén o seleccionador nacional, David Gordo; o presidente da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto; e o presidente do CD Lugo, Ronald Baroni, entre outros.

O encontro, que comezará ás 20,45 horas, corresponde á fase de clasificación para o Europeo 2027, que se celebrará en Albania e Serbia coa participación de 16 seleccións. España encadea un pleno de vitorias nas tres xornadas disputadas e lidera o grupo que comparte con Romanía, Finlandia, Kosovo, Chipre e San Marino.

As entradas están a venda a través da plataforma oficial da Real Federación Española de Fútbol e os clubs deportivos da cidade contan cunha promoción especial. Ata o momento vendéronse xa arredor de 2.200 localidades.

O seleccionador nacional, David Gordo, amosou a súa satisfacción por disputar este partido en Lugo, “unha cidade na que se respira ambiente de fútbol, cunha afección espectacular” e agradeceu o apoio da Xunta para traer á cidade este encontro, “que servirá tamén para promover o fútbol entre os máis novos, xa que pode ser o espello no que moitos mozos e mozas se miren”.

Javier Arias puxo tamén en valor “esta aposta por Lugo e pola mocidade” e destacou que comeza a conta atrás para unha cita deportiva “de gran calado para Lugo, na que teremos a oportunidade de ver a algúns dos xogadores que máis despuntan no panorama nacional, e que suporá ademais unha importante proxección internacional para a cidade”.

O delegado aplaudiu que a RFEF elixira o estadio Anxo Carro e explicou que “poñemos á súa disposición unhas boas instalacións, e verán en marcha un proxecto de reforma e modernización que agardo que os anime a contar co noso estadio en máis ocasións”.

A Xunta está a investir preto de 3,6 millóns de euros nas obras que transformarán as principais bancadas e outros espazos do complexo deportivo. A previsión é que os traballos estean rematados para o comezo da próxima tempada.